Opinión

OUTRA DE 'MAQUIS': 'O VIDE'

A historia do Carlos Vide é coma un argumento mais a prol dos que crén na forza do sino, na predestinación. Ou sexa, a confirmación prática do vello refrán: O home propón e Deus dispón. Naceu nos EEUU de América e, ó pouco tempo, veuse a familia pra Ourense. Vivían nunha casa, da súa propiedade, na rúa de Cervantes-Praza da Ferrería. Era un rapaz moi espabilado e xa, con menos de vinte anos, era profesor na Academia Sueiro onde ensinaba ós máis avanzados. Todo parecía indicar que o seu destino era o de ser unha persoa bén considerada, sin problemas e, co tempo, un respetado pai de familia. Mais, o seu destino cambeou por causa dos 'maquis' e sin preténdelo il nin iles.


Aconteceu que, certo día que ía camiño do cine a unha daquelas 'sesión continúa', atopouse cun amigo dos do barrio que, ó dicirlle a onde ía, díxolle que o acompañaba. O que non sabían era que o amigo estaba a ser vixiado polos axentes da 'brigadilla' da Garda Civil, que tiñan máis que fundadas sospeitas da súa pertenza o 'maquis' e tentaban descobrir os enlaces que tiñan. Polo si ou polo non, e pra non levantala lebre, deixáronos facer e, ó día seginte presentáronse na casa do Vide e procederon á súa detención. Nin que decir tén que comenzou, de contado, a coñecer a 'mecánica' daquiles 'hábiles interrogatorios' que tanto fixeron aumentar o número de pertencentes á 'confreiría dos que mataron a Manolete'. O que entraba niste circo sin fin tiña a desesperación por bandeira. No interrogatorio, sempre o interrogado acababa recoñecendo o que os interrogadores querían, mesmo coma nos da Inquisición. Mais, como é natural, logo se decataban de que o declarado non era verdade. Por si aquelo era un intento de engaño, volvíase de novo a un interrogatorio, máis 'habilidoso', si cabe, e volta ó comenzo.


Cando xa o Vide tiña varios interrogatorios no seu haber, lembrouse de que, por nacencia, era súbdito americano. Pidiu a carta de cidadanía ó Consulado pra trasladarse a vivir a EEUU e rematar, dunha vez por todas, coaquelas 'amables tertulias' que o tiñan tan confundido e desacougado. Veulle contestación do Consulado no senso de que, nefeuto, por ser cidadán americano non había ningún reparo en abrirlle as portas, mais, como estaba en idade militar, tiña que incorporarse, de contado, á gerra de Korea. O non pensou dúas veces. Alistouse e marchou. Como era moi culto i espabilado, foi ascendendo e, co tempo, trasladado a unha base en Europa.


A última vez que falei con il foi no 'Val de Monterrei', do Alberto 'Yurrita', na Barreira. Era teniente de aviación e parece ser que estaba rematando de encher o baúl do equipaxe con botellas de augardente que, asegún il, dicían os seus amigos americanos que era o millor bourbon do mundo.

Te puede interesar