Opinión

A propina

Todolos que coñecimos ó Llamas, o ferreteiro da Praza do Ferro, sabemos que era moi boa persoa e cun xorne moi ledo, mais, ó mesmo tempo, un argallante 'de marca' e moi amigo de embromar á xente, o cal, por certo, dábaselle moi bén. Entre as argalladas que 'armou', foi moi celebrada a seginte:


Como acostumaba facer todolos días, foille mercar a lotería ós dous cegos que se poñían no soportal da praza, a carón da porta da ferretería do Blanco Vega. Pidiulle a cada un dous cupós que, daquela, costaban a dous pesos cada cupón e, coa mesma, díxolles: 'Ahí vos deixo cinco pesos; catro pros cupós e mais un de propina. Como teño presa, voume e xa repartides entre vós'. Folga dicir que lles non deixou nin ren.


Fixo coma que marchaba e ficou alí, esperando acontecementos. O cabo dun chisco, xa os cegos empezaron a porse nervosos agardando, ambolos dous, a que o outro colega repartise os cartos. Comoqueira que se non puña andar ningún diles, foron alporizándose paseniñamente e polo baixo, matinando cada un que indireuta podía empregar pra lle facer 'soltala pita' ó outro. Xa, por fin, foi un deles o que menos 'espera' tivo, e díxolle ó colega: 'Elogo? ¿cando pensas repartir?'


-¿Repartir o que?


-¿O que? os cartos.


-Ti estás de coña. ¿Ou é que queres quedarte con todo?


Como os dous tiñan razón, que é o mesmo que dicir que ningún a tiña, fóronse pondo vermellos, cegos de carraxe (e nunca millor dito), coas véas do pescozo a piques de toupar, e xa parecían mesmo dispostos a 'arrastrar' co 'as de bastos' que tiñan na mau, si non fora que o Llamas, antes de que a cousa fora 'a maiores', terciou na liorta dicíndolles: 'Non discutades, que os cartos teñoos eu. Seica caeron ó chao e veumos traer o rapaz que teño pros recados, que coidou que me caeran a min'.


Quedou a cousa arranxada e, cando se xuntaron o mediodía a tomar o 'chanqueiro' de todolos días no 'Orellas', xa os cegos se decataran da 'xugada', porque coñecían moi bén o pano e, coa mesma, dixéronlle ó 'Cañero': 'Dille ó noso amigo que se poña eiquí, entre nolos dous, que queremos invitalo a un viño coa propina que nos deixou'.


O 'Cañero', cun sorriso retranqueiro, pois xa sabía do conto, foille dar o recado ó Llamas, e iste, cunha faciana non por seria menos retranqueira, faloulle desde o outro cabo do mostrador: 'Hoxe non, que teño presa; outro día será; mais cando sexa, xa me lembrarei de vos deixar unha propina mór ca de hoxe. Aínda que, ben mirado, casi é millor non deixárvola porque, como lle pasa a moitos herdeiros, cando non tedes propina que repartir é cando millor vos levades'.

Te puede interesar