Opinión

Repoboación e predación

Repoboar, que é volver a poboar de algunha especie vexetal ou animal desaparecida, en algures, é unha aución que, sendo apriorísticamente beneficiosa e positiva, debe ser feita con moita prudencia e rigor pra que así sexa. Débense estudar e planificar polo miúdo iescoitar a todolos que teñan algo que aportar sobor do tema, especialmente ós especialistas e mailos posibles afeutados. O non facelo así pode ocasionar daños moi serios.


Aínda que soio falemos de repoboaciós de flora e fauna, non me resisto á tentación de aludir ás repoboaciós humanas feitas ó longo da Idade Media, pra consolidación das terras reconquistadas, das que ficaron todos ises topónimos alpuxarreños, de inequívoca raigame galega, así coma ise galego arcaico que aínda se fala nun curruncho de Extremadura, raiano con Portugal. Tamén pode ser a esplicación e causa do nome do Carballiño, asegún a interesante teoría de Manolo de Dios.


Cando rematou a Gerra Incivil, ousequiounos o Réxime cunha masiva repoboación de piñeiros, suponse que coa millor das intenciós. Mentres durou a labor, moitas familias viviron, mais ou menos bén, dos xornales da ‘forestal’. O negativo viuse despois. O piñeiro non é, coma moitos pensan, un árbore autótono. E unha especie ‘invasora’, mesmo coma o eucalipto. De todalas castes que hai de piñeiro, plantaron a mais ruín, a que non sirve nin pola madeira nin polo froito. Cando empezaron a medrar, os que chegaron a enraizar, os mesmos que os plantaron decotábanlle a cabeza pra que non medraran e poder volver ó xornal da replantación. O efeuto final foi que ficaron os montes coma depósito de combustible pros incendios que viñeron despois e valeiros de rebaños de ovino e caprino.


Cando a labor da Administración do Estado, no seu departamento correspondente -hoxe Medio Ambiente, si mal me non lembro- consistente en cobrarlle licencias, cotos e outras gabelas ós pescadores, fixo que os ríos foran langidecendo, hastra dar nos desertos ‘a ermo’ que son hoxe, deixáronse embaucar pola flauta máxica dun moderno Hammelin que, co gallo do valor deportivo e gastronómico, levounos a encher os encoros, lagoas e ríos, de carpas, black-bass, etc., sin querer decatarse de que a sabia Natureza levába moitos séculos de adianto na evolución e seleución das especies. O resultado coñecémolo todos. Os ríos non teñen apenas troitas. Das poucas que se vén, a mór parte son a testemuña dos esforzos repoboatorios, con fortes hibridaciós e con perda da xenética de supervivencia e mesmo de reprodución. Pra agravalo mais, sígese teimudamente sin querer remediar a disposición máis negativa contra da fauna psicícola, a da medida dos exemplares a pescar.


Coa caza fíxose o mesmo. Despois de moitedume de cambeos na lexislación, de creación de zonas de caza, con distintos nomes e funcionamento mais, eso si, carregándolle o traballo, a responsabilidade e mailos gastos ós cazadores, nunca viron outra saída que a das repoboaciós que, como todos sabemos, non soio son innecesarias sinon contra producentes. Soio se precisa axudar na millora do habitat, regular o que sexa necesario a presión predatoria e deixar á Natureza que faga o seu labor.


Agora tocoulle o turno ás rapaces. É verdade que teñen, na natureza, o papel de control e seleución dos individuos máis aptos pra supervivencia das especies das que viven, e fan de barrendeiros do monte; mais, cando escasean, ou as non hai e, antes de repoboar, hai que estudar o potencial de alimentación, si a solta representa un esceso predatorio sobor das outras especies e, nun caso coma a das ágias do Xurés, prever os cables eléutricos e mais outras trampas coas que poidan atoparse.


O das ardillas tamén é de medalla. Un elemento alleo á fauna local, mais ¡é tan bonitiño! que namora. O problema é que, desde que as botaron, o censo de paxaros foi devecendo e moitos non podemos comer as noces das nosas noceiras.


Predación (o contrario de repoboación) foi o que se fixo co lobo. A morte dun rapaz, obra dunha loba parida e con un tumor cerebral (foi o resultado da autopsia) encendeu de carraxe e alporizou a todo o noso país. Isto coincidiu, no tempo, co programa ‘El hombre y la tierra’, de Félix Rodríguez de la Fuente, que adoitaba falar a prol do lobo, un animal admirable, do que il tiña sete exemplares na súa finca. Isto motivou que os nosos paisanos se puxeran ‘de unllas’ en contra dil.


Tiven a oportunidade, en Madrid, de ter unha conversa con il e na que, en plan medio festivo, díxenlle que na miña terra non ía ser moi bén recibido naquil intre, dadas as circunstancias. Díxome que, si a iñorancia da xente a levara á esterminación do lobo, en Galicia, ían a ter outra plaga pior: o xabarín. O meu argumento de que esto era moi improbable, posto que xabarís, en Galicia, salvo nos lindes con Asturias e León, non se vía ningún, ‘nin pra un remedio’, respostoume: ‘Ya los veréis’. ¡E non era profeta! Xa vai un tempo, dixéronme que soltaran unhos poucos lobos, ‘de tapadillo’. Non sei si é verdade ou non. Mais, si o é, non é máis que un intento de repoboación vergoñante e feita sin que se sepa, pra reparar o mal que se non debeu facer. Como dicía o outro... ¡Tarde piache!

Te puede interesar