Opinión

Deixa que o viño fale galego

Que 115 adegas, das 440 que hai en Galicia, etiqueten os seus envases en lingua galega, confirma a evidencia de que hai unha ocultación da identidade que, a pouco que se dea coa técola axeitada, abroia con naturalidade. Estamos a falar dun 26% da produción dun sector moi importante da economía galega. Pero se este dato é ilustrativo, aínda o é máis que este proceso de galeguización se dese en tan curto período de tempo, pois ano ano 2003 eran doce ou trece as adegas que etiquetaban en galego. Polo tanto, as esperanzas de galeguización do sector son grandes.


O uso da lingua galega na etiquetaxe reforza a vinculación do produto coa sociedade, a cultura e a terra nas que xorde, e esa vinculación das mercadorías galegas con Galicia é un dato avaliado favorablemente, no só polos consumidores, senón polas institucións públicas. Por esa razón apoian esta campaña de normalización lingüística o Parlamento de Galicia, dez consellerías, sesenta concellos, variadas entidades e máis dun cento de personalidades relevantes da vida social, cultural e económica do País, que se comprometen a que nos actos protocolarios, caso de servírense viños, teñan preferenza os etiquetados en lingua galega.


A Asociación de Funcionarios para a Nor malización Lingüística, promotora desta singular iniciativa conta coa inestimable colaboración da Consellería de Medio Rural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística para levar a cabo esta tarefa. A campaña publicitaria: ’Deixa que o viño fale. Escolle un viño etiquetado en galego’, ten unha dobre pretensión: por unha banda, estimular o fomento do uso da lingua galega na etiquetaxe, reforzando así un sinal de identidade Animamos aos viticultores, adegueiros e cooperativistas a que etiqueten en galego as súas botellas na denominación de orixe, e, ao tempo, fai que se singularice o viño na globalización dos mercados; búscase tamén a complicidade dos consumidores. Porque son os que marcan os niveis de consumo e a aceptación dos produtos. Velai porque é importante que os sectores máis sensibles ao feito diferencial galego orienten as súas preferenzas por estes viños demandándoos nos actos sociais e familiares de carácter gastronómico. E para o coñecemento de cales son as adegas e marcas referenciadas publicouse a ’Antoloxía dos viños etiquetados en galego’, que terá ampla difusión.


Esta campaña de normalización lingüística, amplamente divulgadas en tódolos medios de comunicación escrita tamén o está a ser na internet. Máis de oito mil anuncios están a circular arestora pola rede a través de páxinas web, blogs e correos electrónicos; un novo medio de comunicación virtual para chegarmos a un número maior de consumidores. Animamos aos viticultores, adegueiros e cooperativas a que etiqueten en galego as súas botellas; aos establecementos de distribución e de hostalaría a que promovan o consumo dos nosos viños de calidade etiquetados na nosa lingua; ás institucións para que aposten pola identidade dos nosos viños e acaden o respaldo do que son merecentes. E, o que é máis importante, aos consumidores, porque agora teñen a posibilidade de acuñaren unha resposta de inequívoca galeguidade cando nos restaurantes se lles formule a pregunta de rigor, ’¿qué viño lles poñemos aos señores?’. Esta ten que ser, sen dubidalo: ’galego, pero etiquetado na nosa lingua, por favor’.



Te puede interesar