Opinión

Enrique Peinador ‘Galego egrexio’

Este sábado entréganse en Mondariz Balneario os Premios da Crítica Galicia 2009. No mesmo acto, previo á tradicional ‘Cea das Letras Galegas’, será investido ‘Galego Egrexio’, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, don Ramón Lorenzo Vázquez. Desde o xardín do antigo Balneario, sentado nun banco e ollando para o edificio onde nos congregaremos, estará axexándonos un home pequenote, esculpido en bronce polo escultor José Molares, que representa a don Enrique Peinador Lines.


Enrique Peinador Lines foi un activista do galeguismo. O seu balneario converteuse nun excepcional crisol onde xurdiron as máis importantes iniciativas do galeguismo cultural e político. Nas súas instalacións celebrouse a sesión de ingreso na Real Academia de Antonio Rey Soto e Ramón Cabanillas. Nas paredes dos seus salóns penduraban os cadros de cegos que Enrique Peinador lle encargara a Castelao. Editáronse libros, celebráronse congresos de medicina dirixidos por Roberto Novoa Santos, constituíuse o primeiro Instituto Hidrolóxico, para o estudo das propiedades das augas termais amén de moitos contubernios agraristas e republicanos.


A Fundación Premios da Crítica Galicia quixo render merecida homenaxe a aquel home que soubo combinar a protección da identidade galega e o éxito empresarial, trasladando á vila balnearia os actos de entrega dos premios. Volveremos unha vez máis a revivir a Galicia ideal que soñara aquel petrucio co recoñecemento dos Premios da Crítica: Luís González Tosar, Camilo Nogueira Román, Festival de Curtametraxes de Cans, Nova Danza Galega, Henrique Monteagudo e José Durán.


Don Ramón Lorenzo Vázquez, catedrático de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e académico numerario da Real Academia Galega, recibirá o nomeamento de ‘Galego Egrexio’ polo seu inquebrantable compromiso coa lingua e a cultura galega mantido de maneira coherente desde a súa mocidade deica hoxe. Por ser o seu traballo, ademais modélico no ámbito da filoloxía medieval galega, pondo ao dispor dos investigadores e da sociedade en xeral, edicións críticas impecables como as da Traducción Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla ou da Crónica Troiana, e dando a coñecer coleccións documentais fundamentais para o coñecemento da historia e da lingua medieval.


O sábado revivirá a memoria de Enrique Peinador en todos nós.


(*) Presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia

Te puede interesar