Opinión

Fiscal Superior de Xustiza de Galiza

Cando asistimos á toma de posesión de Carlos Varela García como fiscal superior de Xustiza de Galicia, algúns sabiamos que aquel acto protocolario marcaba un antes e un despois nesta institución xudicial. Estaba o salón nobre do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ateigado de autoridade xudiciais, políticas, e, ¡xaora!, tamén culturais. O fiscal xeral do Estado, Cándido Conde-Pompido, leu o seu discurso en lingua galega, feito inusual na historia da institución. Despois de facer un migalleiro relatorio sinalando as vicisitudes da Fiscalía, e de ter unha sentida lembranza para aos precursores do galeguismo, que desde fins do século XIX demandaba unha xustiza impartida na nosa lingua, referiuse a Carlos Varela louvándoo polo seu compromiso coa modernización da administración de xustiza, coa cultura e coa lingua; afirmando que era ‘unha oportunidade para a autonomía galega e para unha institución que durante séculos lle negou á nosa cultura o pan e o sal’.


Carlos Varela García deulle á Fiscalía Superior un pulo decisivo. No tempo que leva no cargo transformou radicalmente a función desta institucións. Pasou de ter unha actitude pasiva a deseñar estratexias. Grazas ao seu rigor científico promoveu actos de impulso en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, para un mellor coñecemento das circunstancias predilituais. Velai están os informes sobre os lumes nos montes galegos e as causas que os determinan; a radiografía exacta das circunstancias que motivan a sinistralidade nas estradas galegas; ou o preciso informe sobre a contaminación producida polos xurros incontrolados no agro galego; ou tamén as razóns da sinistralidade laboral, por citarmos algúns dos exhaustivos informes que lle permiten á Fiscalia deseñar unha estratexia xurídica preventiva. Ese inxente labor recóllese nas memorias anuais publicadas.


Grazas ao seu labor imaxinativo e de comunicación con tódolos sectores da sociedade galega, a Fiscalía Superior de Galicia é hoxe unha institución accesible, aberta, dinámica e cooperadora coas instancias autonómicas. Xamais, nos varios séculos de existencia, este órgano superior fiscal acadara tal proxección pública. Que isto sexa así non é casualidade. Carlos Varela é, de vello, un home preocupado polas transformacións da sociedade galega. O seu compromiso con esta causa confírmao na implicación no tecido asociativo. Forma parte da Unión Progresista de Fiscais, da Fundación Premios da Crítica Galicia, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega, da Fundación Lois Peña Novo, do Foro E. Peinador, da Asociación de Amigos do Couto Mixto entidades que desenvolven actividades en diversos ámbitos, promovendo a galeguización.


A Varela correspóndelle a honra de ser o creador dunha escola de xuristas vencellados á realidade social e cultural de Galicia, xunto con outros compañeiros, maxistrados e fiscais, retomando, deste xeito, as aspiracións frustradas, primeiro pola guerra civil e logo pola ditadura franquista, de Peña Novo, Porteiro Garea, Banet Fontenla, Roberto González Pastoriza, Arturo Noguerol, Sebastián Martínez-Risco, Ramón Carballal Pernas...


Aos méritos anteriormente expostos, hai que engadir o compromiso coa normalización lingüística, que vén de vello, desde o momento do seu ingreso na carreira fiscal. Desde entón a súa participación na elaboración de fundamentos xurídicos foi decisiva para o artellamento de políticas lingúísticas sectoriais. Cóntanse por milleiros os escritos de calificación redatados por este fiscal respectuoso coa legalidade e os dereitos dos xustizables, que xamais cuestionaron a súa congruente actividade profesional, realizada sempre en lingua galega. O seu maxisterio e compromiso coa lingua galega foron merecentes de varios premios e distincións, ao que se suma agora o nomeamento de Fillo Adoptivo de Cangas, que a corporación municipal aprobou por unanimidade. O acto institucional celebrarase na Casa do Concello o próximo día 27. Bendeitamos do seu exemplo.


(*) Secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística

Te puede interesar