Opinión

En Maceda, o pasado ten futuro

En 1951 cando o salón nobre do Casino de Vigo estaba ateigado de xente disposta a asistir á lectura do discurso de ingreso na Real Academia Galega do arquitecto Manuel Gómez Román, unha orde gobernativa prohibíu o acto académico por estar prevista a súa celebración en lingua galega. Disolveuse o acto tras unhas breves palabras de Ramón Otero Pedrayo.


Gómez Román abordaba no seu discurso a preocupación pola desfeita da arquitectura tradicional e a aparición de construcións extrañas á nosa tradición que afeaban a paisaxe. ‘Neste aspecto -dicía- cómpre unha reeducación’. Para conseguila propuña ‘que as nosas institucións culturais interveñan activamente para lle dá-los nosos matices a ese labor arquitectónico para que esa aportación sexa ben valorada’. Avogaba por un pulo institucional, a través do deseño dunha estratexia para que a cualidade das construcións tivesen axeitada expresión de modernidade, respetando a nosa xenuina maneira de facer. ‘Ese traballo de divulgación institucional debería espertar nas xentes a sensibilidade que hoxe parece desorientada e morta’, dicía. Tal que hoxe.


A preocupación pola conservación da nosa arquitectura rural recollea Gómez Román dunha tradición cultural que ten na Asemblea Nacionalista de Monforte, do ano 1917, a súa acaída expresión cando decide declarar a soberania estética de Galicia, un desexo que é recollido polo Primeiro Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925, onde se discutíu e aprobou un coidado plan para divulgar unha nova tipoloxía de casa rural, onde os distintos compartimentos do hábitat conxugaran a confortabilidade dos seus moradores con dependencias agricolas independentes para garantir a hixiene e mellor calidade de vida dos labregos.


A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda, ‘Setestrelo’, que preside o dinámico empresario Francisco Novoa Rodriguez, Director xeral do Grupo Academia Postal, vai ser presentada nun acto público o próximo día 17, no castelo de Maceda. Un dos obxectivos será, en clara sintonía co pensamento de Gómez Román e as conclusións dos devanditos congresos, convocar os ‘Premios Manuel Gómez Román’ para incentivar a creatividade na reconstrución da nosa arquitectura tradicional, que se completarán con outros proxectos: divulgación histórica e coordinación con outros concellos da eurorrexión que teñan castelos, torres e enclaves históricos artellando unha rede semellante a outras xa existentes en Europa, Francia, Alemania ou Escocia. Recuperación dos camiños históricos que atravesan Maceda e a súa ampla comarca, a calzada romana XVIII, ‘Via Nova’ e o camiño medieval, que unía Monterrei con Monforte de Lemos, para ofertar un turismo verde, aproveitando as oportunidades que nos ofrece a celebración do próximo Xacobeo.


O nacemento dunha entidade privada que se implique na nobre tarefa de Facer País é sempre unha boa noticia, de aí que o reitor da Universidade da Coruña, teña anunciada a súa presenza. Acudirán ao acto de Maceda tamén, o alcalde e corporativos do Concello, empresarios e representantes de moitas institucións públicas galegas. En Maceda o pasado ten futuro.


(*) Presidente do Foro E. Peinador

Te puede interesar