Opinión

Campionato de sumilleres

Asisto en Pontevedra ó 1º Campionato de Sumillería “Suso Domínguez” celebrado no CIFP “Carlos Oroza”, en homenaxe ó que fora un moi querido profesor e xefe de estudios desta Escola de Hostelería.

Participan alumnos de diferentes centros de Galicia e mesmo de Portugal, estando entre eles o ourensán IES de Vilamarín e o vigués CIFP “Manuel Antonio”. E coa directora deste centro, a ourensá Aída Saa, co director do Centro Residencial Docente, Benito Pérez e co empresario coruñés Luis Suárez desprázome ata a capital do Lérez para vivir unha xornada pedagóxicamente fermosa. Asistimos no salón de actos á última proba do campionato que consiste en identificar entre cinco viños cales son de D.O. Rías Baixas. No patio de butacas atópase como convidado o sempre afable Xosé María Fonseca, xerente de “Terras Gauda” que agasallaría ós premiados con botellas personalizadas, e con quen é moi fácil entablar amistosa conversa, fiel ó lema que quere transmitirlle ós futuros sumilleres, cociñeiros e directores de cociña de Galicia que alí están, “querer é poder”. Falamos con Fonseca, co conselleiro Xesús Vázquez que asiste acompañado dunha boa representación da delegación de Educación, co presidente da Deputación Rafa Louzán, co alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fenández Lores, que aproveitou a ocasión no improvisado e ameno discurso dos postres para vender a marca “Pontevedra” presumindo con razón do “metrominuto”, e cuns cantos amigos máis cos que, despois dun multitudinario aperitivo, degustamos un delicioso menú creado e servido polos cociñeiros e alumnos do centro. E por aquelo de que é tempo de enchentas propias do entroido, como a que vivín hai uns dias na casa do alcalde Jesús Otero, que reuníu 150 comensáis na súa terra de Vila de Cruces, á que lle profeso moito cariño desde que hai anos oficiei de pregoeiro da “Festa do Galo de Curral”, paso a contarlles o que nos serviron e degustamos este xoves: Gazpacho con sabor a froitas; Filloas de lacón e escuma de grelos; Rodaballo, mexillóns e tallaríns con tinta; Crepinetas de rabo de tenreira e crema de pataca, e como postre, Crema acaramelada con macarrón e marmelo de framboesa. Todo elo regado, como esixía a ocasión, polos caldos brancos e tintos Rías Baixas e polo Cava catalán. Vamos, como se dunha voda galega se tratara. O certo é que dá gusto xantar nestes centros polo moito esmero que poñen os seus estudiantes á hora de atender ós comensáis. Felicito ó seu director, Manuel Hermo, que nos emocionou co discurso dedicado ó fillo e á viuva de Suso Domínguez, e ó claustro de profesores e alumnos polo bó rollo que se respira e pola lección de saber estar que nos deron no tempo que durou o campionato, con exhibición de coctelería acrobática incluída.

No xantar tiven a honra de compartir mesa e mantel co poeta que dá nome ó centro, Carlos Oroza, quen, ós seus 91 anos, non quixo deixar de probar ningunha das exquisitices que nos ofreceron. Como anécdota dicir que o brinde do xantar, a pesar de ter cava catalán, fíxose cun “vintage” Vinho do Porto en deferencia ós convidados do País Irmâo.


LECTURA EN TEMPOS DE AUGA

É primeiro de marzo e segue esta chuvia impertinente, e xa nos saíron escamas, aletas e mesmo humidades no corazón. A auga non quere respectar esta noite tan especial de sábado de entroido, ou eso dín no parte meteorolóxico, que xa é máis aburrido que aquel outro arcaico parte das noticias radiadas do franquismo, un parte monótono, cansino e dictatorial. Porque non me digan que non é unha auténtica dictadura erguerse e deitarse empapados en corpo e alma un día si e outro tamén. Non nos mereciamos este inverno. Din que o luns pode que saia o sol, ¡que chegue xa a primavera dunha vez! e que nos alegre os corazóns, porque o sol xa é o único que nos últimos tempos de negra sombra pode alegrarnos algo.

Confeso que as impertinentes galernas aumentaron en min as ganas de sentarme baixo a “velux” para ler, ler o que me gusta e ler o que escriben os amigos, que para eso escriben, para que os leamos e lles merquemos os libros, como ten que ser; dun amigo non se pode agardar a que che regale un disco ou un libro, hai que mercarllos, e se cho regalan tés a obriga de comprar outro para agasallar ti a quen o mereza. E aí estou eu co “Cuatro esquinitas tiene mi cama” do ourensán Fernando Méndez e “Un ovo” do vigués Julio Alonso, ós que lle engadín por razóns obvias o “Évame” de Carlos Oroza. E cos tres disfruto mentres agardo a chegada do sol.

Te puede interesar