EMPRENDEMENTO

Marmelada con sabor a sabugueiro en Vilar de Santos

mermelada_result
photo_camera Nelson Alonso no interior das instalacións de Carabuñas en Vilar de Santos.

Carabuñas naceu no ano 2011. É a única empresa española, afincada en Vilar de Santos, adicada á elaboración de produtos gastronómicos feitos con sabugueiro

Nelson Alonso e a súa muller, Eva González, son os responsables de Carabuñas, unha empresa localizada en Vilar de Santos e adicada ao cultivo e á elaboración artesanal de productos de sabugueiro, un arbusto que medra de xeito abundante en toda Europa e que, nalgunhas zonas da comarca da Limia e de Allariz, "da unha froita de moi boa calidade", segundo sinala Nelson Alonso.

En 2011 esta parella de Vilar de Santos decidiu explotar as propiedades desta planta. "Estábamos buscando unha alternativa para emprender", conta Nelson. "Comezamos facendo as nosas propias probas, as receitas eran totalmente experimentais", engade. O obxectivo destes ensaios foi darlle ao sabugueiro un uso gastronómico ainda que, como explica Nelson, "esta planta ten importantes propiedades medicinais". Concretamente a baga ou froito do sabugueiro ten propiedades antioxidantes e, ademais, fortalece o sistema inmunolóxico polo que é común empregala para combater os catarros. 

A empresa Carabuñas comezou elaborando marmeladas de sabugueiro de distintas variedades: soas, con mazá, con laranxa ou con marmelo.

A elaboración de licor e cervexa feitos coas bagas do sabugueiro foron o seguinte paso para a ampliación do catálogo de produtos. "Estamos xa comezando con probas para facer novas elaboracións", conta Nelson. Dende a Escola de Hostalería de Marín están interesados en facer novas receitas con sabugueiro e imos a colaborar con eles, comezaremos o vindeiro mes de marzo", engade. Nesta liña o emprendedor de Vilar de Santos sinala que están traballando na fabricación de cervexa e licor coa flor do arbusto. 

Na actualidade, a empresa ten á súa disposición ao redor dunha hectárea de cultivo de sabugueiro. "Tentaremos ampliar cunha nova parcela a área de plantación", sinala Nelson. "Queremos chegar ás dúas hectáreas de cultivo". 

PRODUTOS NA REDE 

Dende fai pouco máis dun ano, Carabuñas está presente en internet por medio da súa web www.carabunhas.com. A través desta plataforma pódese acceder ao catálogo de produtos, á información sobre os puntos de venda e tamén, sobre o sabugueiro e as súas propiedades. "Facemos envíos a todos os lugares da península e hai un especial reclamo dende as zonas de Valencia e de Portugal", explica Nelson. 

Carabuñas, "a única empresa de Galicia e de España que emprega o Sabugueiro cun fin gastronómico", acadou nos últimos meses o certificado do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica "Todos os nosos produtos están elaborados de maneira artesanal", engade o emprendedor de Vilar de Santos. 

Segundo sinala o responsable desta empresa, "En Galicia non se aprecia nin se lle da un uso culinario ao Sabugueiro, en países como Alemania, Austria e Inglaterra si que está máis estendida esta cultura". 

As previsións ao longo prazo son moi boas para Carabuñas, o reclamo por parte dos restaurantes que queren contar cos produtos desta empresa é cada vez maior.

Te puede interesar