As pistas de pádel e tenis de Xinzo pódense reservar por aplicación

RESERVAS
photo_camera A aplicación é gratuíta e atópase buscando Xinzo de Limia.
É posible dende primeira hora da mañá ata a noite.

Dende o Concello de Xinzo anunciouse que xa se poden reservar as pistas de pádel e de tenis da vila, que foron acondicionadas nas últimas semanas, por medio da aplicación móvil coa que tamén se controlan os aforos da piscina municipal exterior -xestionada este verán pola Asociación de Diversidade Funcional Limisi- e se realizan as reservas desta mesma instalación local. A través da mesma “App”, posta en marcha pola Concellería de Deportes da que é titular Rafael Penabad, é posible tamén realizar pagamentos e reservas para varios días en todas estas instalacións municipais  ubicadas na rúa Dous de Maio da capital da Limia.

Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de “fácil manexo e gran utilidade”, garantizan dende o Consistorio limiao, e só é necesario rexistrarse proporcionando un documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala. 

Os interesados en acceder ás piscinas exteriores poden adquirir bonos ou entradas para diferentes xornadas, nas que se especifica o horario e o prezo dependendo de se o usuario é maior ou menor de 16 anos. No caso das pistas de tenis e pádel, é posible reservar sesións dende primeira hora da mañá ata a noite.

Aínda que polo momento só se poden reservar as pistas destinadas aos deportes de raqueta a través desta aplicación, ademais da entrada ás piscinas exteriores, o servizo podería extenderse a outras instalacións municipais, tal e como adiantaron dende o Concello. Trátase, en definitiva, de “facilitar os trámites á veciñanza dunha forma sinxela e persoal”.

SEGURIDADE

A normativa polo covid-19 non fixo necesario acoutar parcelas nas piscinas exteriores este verán, se ben o executivo local quere extremar as medidas de seguridade e, a través desta aplicación, pode realizar un seguimento máis exhaustivo do aforo.

Te puede interesar