Allariz espreme as últimas saídas do Boi con cativada, charangas e verbena

photo_camera A xornada do sábado pola mañá en Allariz. (Fotos e vídeo: Miguel Ángel).
A Festa remata hoxe coa despedida do Xan de Arzúa e o traslado ata a Casa do Boi na compaña da Murga Achicoria

A vila alaricana desfruta dos últimos momentos da Festa do Boi 2023. Veciños e visitantes encheron as rúas de Allariz este sábado durante todo o día, esperándose a mesma afluencia de xente este domingo, dende media mañá, para culminar esta tradicional celebración. 

Os primeiros protagonistas da xornada foron os máis pequenos das casas: a cativada, que desfrutaron da saída infantil do Boi. O centro de atención eran eles, que xogaron, bailaron e correron dunha esquina a outra espremendo ata o último minuto a saída do Boi. Mentres eles desfrutaban do seu momento, un pasarrúas levaba aos maiores pola vila da man das charangas Sufarri e a treboada dos Zes Pereiras, os que animaron o ambiente e fixeron bailar aos asistentes con gran expectación.

E por fin chegou o momento máis esperado: a saída do Boi ao mediodía. Veciños e visitantes desfrutaron e “pasámolo como nenos”, dicían algúns. Moitos achegándose a Allariz para coñecer por primeira vez a Festa do Boi: “Para o ano repetimos, seguro”, dicían uns verineses. 

Tras as comidas e o descanso, volveron os pasarrúas e a música, cun encontro de charangas no Eiró. Ás 20,30 horas saíu o Boi por última vez no día e a troula continuou con máis pasarrúas e música, culminando o sábado con verbena na Barreira da man da orquestra Royal, así como con ruada polo casco histórico coa charanga Achicorria. 

O Boi volverá saír hoxe para despedir a celebración deste ano. Ás 12,30 horas arrancará un pasarrúas coas charanga Sugarri e os Zes Pereiras para animar a hora do vermú. Xa pola tarde, coas enerxías recargadas comezará o pasarrúas coas mesmas charangas e a Murga Achicoria ás 18,00 horas para animar aos veciños e visitantes e quentar motores para a última saída. Será ás 19,00 horas cando seis bombas anuncien a saída dos bois, a derradeira, para facer correr á xente. 

Para culminar a semana de eventos, carreiras, música e numerosas visitas á vila alaricana, ás 20,30 horas está prevista a despedida do Xan de Arzúa e o traslado ata a Casa do Boi na compaña da música da Murga Achicoria. Momento no que se dará por concluída a Festa do Boi 2023, a que encheu as rúas de Allariz de xente, bo ambiente e desfrute.

Te puede interesar