O campamento Acción no Arnoia chega a Allariz

240821 Minicampamento Allariz 1
photo_camera O grupo de cativos alaricanos que participa.
O representante do Goberno galego en Ourense salientou na súa visita a Allariz que esta iniciativa está encamiñada a apoiar “a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o lecer educativo”. 

O décimo terceiro campamento Acción no Arnoia, enmarcado no programa Coñece Galicia, estase celebrando nestes días en Allariz e, por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, xunto ao tenente de alcalde, Bernardo Varela, visitou aos cativos que forman parte del. Trátase de 20 rapaces de entre 10 e 14 anos, que están a desfrutar de actividades multiaventura como paseos en BTT, tiro con arco, kaiak, xogos na piscina, e iniciativas culturais e de orientación por contornas naturais.

O representante do Goberno galego en Ourense salientou na súa visita a Allariz que esta iniciativa está encamiñada a apoiar “a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o lecer educativo”. 

Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a programación da Campaña de Verán, na que está a participar máis de 7.800 beneficiarios, tal e como precisou Alén. En todos eles, mantéñense as medidas de protección fronte á covid-19 postas en marcha o ano pasado e que inclúen a redución do aforo, a incorporación progresiva dos mozos e mozas, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias. 

Por último, o delegado territorial lembrou tamén que está aberto o prazo -ata o 30 de setembro- para solicitar o Bono Coidado, unha axuda económica que serve para atender as necesidades puntuais que teñan as familias durante todo o ano. Ademais, esta vez engádeselle unha novidade a este programa: a axuda para sufragar as necesidades das familias galegas en períodos de vacacións escolares, que servirá para financiar servizos de conciliación nestas datas.

Te puede interesar