Os gremios fan da de Allariz vila unha festa

O fidalgo Xan de Arzúa volveu percorrer as rúas de Allariz nunha procesión teatralizada.
photo_camera O fidalgo Xan de Arzúa volveu percorrer as rúas de Allariz nunha procesión teatralizada.
Xan de Arzúa volveu percorrer as rúas do casco histórico na procesión medieval que representa as orixes da festa coa participación de preto de 700 veciños-actores, que despois compartiron unha comida de confraternización na Barreira

Centos de persoas encheron onte as rúas de Allariz con motivo da procesión medieval de Xan de Arzúa, a máis concorrida das citas históricas que teñen lugar na vila con motivo da Festa do Boi.

Trobadores, carpinteiros, panadeiros, muiñeiros, toneleiros, canteiros, tripeiros, ferreiros, labregos… así ata 21 foron os gremios que levaron a vila ao ano 1317 para revivir nunha divertida e musical representación popular,  as orixes da celebración vinculada ao Corpus e o fidalgo alaricano Xan de Arzúa.  

“Foi un dos anos de maior afluencia dos gremios, con moita participación e, ademais, librámonos da choiva pola mañá”, comentaba Juan Antonio Seara, membro da asociación organizadora, que despois congregou a máis de 750 comensais na Barreira para compartir unha comida de confraternización cos diferentes gremios onde non faltaron as tortillas e empanadas, a terneira asada e o polo guisado, sen esquecer os doces típicos: bicas, filloas e os melindres e almendoados de Allariz. “Se seguimos así,  imos superar a cea veciñal do xoves na Barreira”, subliñaba Seara, quen trasladou a gran satisfacción da directiva pola implicación veciñal dunha festa que se fai “dende o pobo para o pobo”.

Os festexos comezaron, trala proba do boi de onte, co pasacalles co grupo De Pé Feito ás once da mañá e, unha hora despois, a procesión medieval teatralizada dende O Eiró ata a Barreira e coa pegadiza melodía de ”aí vén o boi”, a banda sonora da festa, co permiso dos tambores dos Zes Pereiras. 

Dende 1983

A historia e as tradicións están moi presentes neste primer fin de semana de festa onde, os veciños son maioría e desfrutan das propostas que, ano a ano dende hai 40 anos, deron forma os alaricanos primeiro coa Asociación Arnoia que recuperaron a festa e, dende 1994, a través da Asociación Cultural Xan de Arzúa. É o caso do concurso de trobadores que, onte á tarde, subiu ao escenario a un total de 14 agrupacións medievais para poñer a súa propia banda sonora á festa de 2023. “A calidade foi moi boa e ademais, cada ano hai máis gremios que se animan a participar”, resaltou Seara.

A festa, organizada pola Asociación Xan de Arzúa coas aportacións de veciños e comerciantes e preto dun cento de voluntarios para os diferentes eventos, continuará de xeito ininterrompido tódolos días. Hoxe, ademáis das saídas do boi ás 8,00 e ás 21,00 horas nunha dinámica que se manterá ata o xoves, está prevista a primeira carreira infantil ás 19,30 horas, “É unha das novidades deste ano”, subliñaban desde a organización, sobre unha das catro saídas infantis deste ano. Os máis pequenos contarán con actividades propias como o pista boi e merenda infantil do martes, e o teatro de monicreques e de rúa do mércores.

O xoves será a cea veciñal na Barreira e, ata o domingo 11, festa da mañá á noite polas rúas do casco histórico alternando  a música, tradición e as concorridas saídas dos bois.

Te puede interesar