Xunqueira de Ambía prevé a mellora da praza da súa Colexiata

210321 AVM ALCALDE XUNQUEIRA DE AMBiA
photo_camera Ángeles Vázquez e José Luis Gavilanes mantiveron un encontro de xeito telemático.
O Concello e a Consellería de Medioambiente traballan nun plan para conservar este ben cultural

A conselleira de Medioambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, profundizou, da man do rexedor de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, nun proxecto para recuperar e poñer en valor a praza integrada no conxunto da Colexiata de Santa María de Xunqueira, declarado Monumento Histórico-Artístico e Ben de Interese Cultural (BIC). Ambos representantes institucionais, que mantiveron unha reunión telemática na que examinaron outros asuntos de interese municipal, abordaron a posibilidade de colaborar económicamente neste senso, poñendo marcha un plan específico. 

O entorno obxecto da actuación de consolidación, conservación e posta en valor sería unha área localizada no centro do núcleo urbano e conformada por un conxunto de espazos públicos envoltos por edificacións tradicionais de pedra con cubertas de tella cerámica.

Os traballos de recuperación incluídos no proxecto, tal e como precisaron dende o departamento autonómico, teñen por finalidade "manter e conservar a contorna da colexiata, así como resolver situacións mellorables que se foron consolidando ao longo do tempo –por exemplo, as instalacións á vista- de forma que, unha vez completada a intervención, poida ofrecerse unha mellor imaxe do conxunto deste espazo".

Por outra banda, o rexedor de Xunqueira, José Luis Gavilanes, presentou xa outro proxecto á orde de axudas para financiar equipamentos municipais en concellos de menos de 20.000 habitantes, convocada o pasado 8 de marzo. Este programa, de carácter bianual, ten consignados 1,3 millóns para financiar actuacións ao longo de 2021 e outros 950.000 euros para o vindeiro exercicio.

Pola súa parte, Vázquez Mejuto trasladoulle a Gavilanes que nos orzamentos do seu departamento para 2021 hai reservados "máis de 7,4 millóns de euros para obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas".

Desde o ano 2010 e tal e como recordan dende a Xunta, esta administración leva colaborando coas entidades locais a través do Plan Hurbe na execución de diferentes intervencións co obxectivo de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público.

Te puede interesar