BARRABÁS DE CASTRO

Barrabás, nado no berce da Ribeira Sacra, no Castro do mosteiro de Santa Cristina, contárame unha vez, daquela xa medraron os carballos, que o meteran nun noviciado, onde os compañeiros o alcumaran de 'Barrabás' polas barbas de chibo que lle saíran no queixo de rapazolo.
Mais un día considerou que con tal nome apegado na súa faciana, xa non serviría para oficiar de crego, matinando, como vía de escape, botarse ó mundo como ladro: ladro e Barrabás casan ben, certo, pensou en liña co testemuño de San Mateo, escoitado na Semana Santa, xa que logo, dicía para os seus adentros, se alguén testificara: 'O Barrabás rapinoulle os cartiños a un vello de Espiñas' ou se outro vai, e tira do refrán: 'O onde vas Barrabás que cousa boa non farás,' cadran os ditos cos conceptos.

Certo. Porén, peca de disonancia e antítese, só aparente, dirás ti que sabes ler entre liñas, a seguinte confesión do político de perfil medio, acusado de quedarse coa parte alícuota da inversión no Gaiás do seu ámbito: 'Enumerei, un por un, os pecados de miña rapina, logo pedinlle perdón ó Barrabás'.

O Barrabás de Castro, o meu veciño, dada a súa nova condición de pequeno malandrín, en comparanza cos anteditos que voan con máis rango coas alforxas cargadas cara Suíza, fora preso por roubar a historia 'Troco e a ninfa Sálmacis', a un doutor xesuíta, de vacacións en Parada de Sil, que impartía leccións de doutoramento na Universitas Gregoriana de Roma, a fábrica dos bispos. O libro roubado falaba de seres andróxinos, de trocos e hermafroditas, de metamorfoses, citando o libro mourisco El Abencerraje e mais outros pecados cometidos contra natura, comparando ás persoas, criadas a imaxe e semellanza de Deus, cos rastreiros caracois: babosos hermafroditas.

Barrabás, ós poucos, quedou ceibe por trocarse arrepentido diante da fiscalía por roubar e ler, acochado, pensamentos, mitos e filosofas matinadas polo mesmo diaño; porén o profesor erudito, pola contra, foi engaiolado na cadea, acusado polo Santo Oficio de escribir en papel glosas profanas, contrarias á lei natural, nun centro pontificio que ten como lema: ad maiorem dei gloriam.

Te puede interesar
Más en Cartas al director