BO DÍA, SEÑOR ALCALDE, por segunda vez

E digo por segunda vez porque xa hai tempo que lle enviei outra carta semellante, sen que servise de nada...
Pero hoxe pasou algo, e teño que recuncar no tema. Por sorte para vostede, non foi en Ourense, foi no Barco, pero tanto ten,…non está vostede libre de que lle pase. Hoxe, un can deses grandes que acompañan xentiña sen cabeza e pouca educación, atacou un cativo ao que lle arrincou a orella, e mordeu tamén a seu pai. Por sorte, por pura sorte, o rapaz non morreu. Ogallá fose o rapaz fillo ou parente do alcalde do Barco ou dun concelleiro do grupo de goberno, que son os que teñen poder para evitar estas cousas, vixiando, poñendo multas, requisando cans, ou mesmo executándoos se son perigosos, pero non foi así, foron un pai e un fillo indefensos, que nin teñen ese poder, nin culpa de que os maleducados, incivilizados, desaprensivos e borregos anden con cans perigosos soltos, sen que pase nada.

Así que llo volvo dicir, vólvollo avisar, antes de que pase nada grave…faga algo, vostede que pode, coa xentiña que leva eses cans soltos, poña multas exemplares, retírelles os cans, mande algún policía local polas zonas do río (levo varios anos paseando e correndo por alí, e aínda nunca vin ningún), pero faga algo, faga algo antes de que un can morda un cativo, o esgace, ou peor aínda, o mate. Faga algo, por favor llo pido. E se non vai facer nada, se vai deixar que esa xentiña leve os cans soltos, sabe o que lle digo?, que espero que se algún día pasa algo, sexa a algún familiar seu ou do seus concelleiros, porque os que non temos poder para facer cumprir a lei non lle temos culpa, e porque será a única maneira de que reaccionen, cando lle toque directamente a vostedes. Faga algo, por favor, antes de que ocorra algunha desgraza...

Te puede interesar
Más en Cartas al director