bóveda e castelao

Alexandre Bóveda non foi un político calquera, foi un político que puxo a súa intelixencia ao servizo do seu país. Foi desterrado a Cádiz e, despois, fusilado, polo que merece a consideración de mártir que lle da o nacionalismo galego. Alfonso R.Castelao foi un intelectual e artista, líder e alma mater do Partido Galeguista; artífice da aprobación do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia.
Castelao era un home de paz, aínda que non teño claro que fose un pacifista, pois el non deixou nada escrito ao respecto. De Gandhi e de Martin Luther King ninguén o dubida, pero en Castelao non está claro. Incluso, polas interpretacións e o uso que fixeron algúns nacionalistas radicais dalgúns dos seus debuxos e viñetas (en épocas do azoute terrorista), cheguei a sentir certo desafecto por el; porén, recentemente, ao ler un artigo de Manolo Rivas, no que compara a Castelao con Gandhi e Martin Luther King (tamén 'símbolos humanos das arelas morais dos seus pobos'), decateime de que Castelao está máis cerca deles que de Lenin. Sigo dubidando que fose un pacifista, porén si foi un home de ben que sufriu o desterro en Extremadura e, máis tarde, o exilio lonxe da súa patria, onde morreu; sen cometer outro delito que o de traballar polos intereses colectivos do seu pobo.

Finaliza o ano 125 do seu nacemento e fan ben en declarar a súa obra Ben de Interés Cultural, porque é un símbolo de Galicia que trascende o nacionalismo.

Te puede interesar
Más en Cartas al director