EVENTOS CULTURAIS 'DEMASIADO GALLEGOS'

Ana Fernández, concelleira de Cultura de A Coruña polo PP, aseguraba que os eventos culturais da cidade eran 'demasiado gallegos', e que a cultura 'debe estar en un idioma que entiendas'. 'E ti de que lado estás?', pregunta aparentemente doada que Manuel Rivas lle fixo a Lois Pereiro, e que este contestou nun ensaio recuperado recentemente. Poden opinar os políticos? Dende logo. Pero como se lle esixe a calquera profesional, deberían ser responsables dos seus acertos e equivocacións sobre todo cando o tema sobre o que opinan forma parte das súas competencias e obrigas.
Estou seguro que Ana Fernández non é responsable de que cando chamas a unha entidade bancaria, unha voz programada che pregunte: Se quere facer a súa consulta en castelán pulse 1, se a quere facer en catalán pulse 2, se a quere facer en valenciano pulse 3, e a continuación... a decisión é túa. Tampouco parece que sexa responsable de que a Xunta, dunha forma eficaz, manteña a idea de que: 'Galicia é un país que debe ser cultivado en silencio para que o Goberno durma sen pesadelos nin sobresaltos' ('Un país en silencio'. Manuel M. Barreiro).

Se do que estamos a falar é de cultura e actividades culturais dun concello que 'ata o de agora' forma parte de Galicia, creo que a cultura que debemos tratar de acrecentar e mesmo exportar é a nosa, en todas as súas acepcións, e dende logo no idioma que a identifica: o galego. Isto non implica que non poidamos ofertar actividades culturais importadas do resto de España, Europa, etcétera. A concelleira de Cultura de A Coruña, xa que como di ela na súa casa sempre falou galego, non debería exportar unha parte da súa singularidade cultural? Eu, que falo o galego na miña casa en Madrid e en Galicia, e o castelán no meu traballo en Madrid, lin estes días 'A conxura dos necios'. Lino en Galego e asimilei perfectamente a singularidade da cultura recollida neste.

Te puede interesar
Más en Cartas al director