FEDERICO, O BIBLIOTECARIO

n n nPoida que moitos xa non lembren que Federico Ferro Ferreiro foi, durante moitos anos, o encargado da biblioteca de Baños de Molgas.
Un servidor non se esquecerá nunca. Porque, grazas ás facilidades que me deu ese home, convertinme nun auténtico tragalibros. Era a etapa na que empezaba a ler. Era a etapa na que non tiña nin unha cadela para mercar libros, nin tan sequera novelas do Oeste. A salvación estaba na biblioteca que rexentaba O Federico. Axiña me convertín no seu 'cliente' máis habitual. Grazas á súa amabilidade, devorei nun chiscar de ollos as obras completas de Pérez Galdós e de moitos clásicos españois, ou descubrín a un tal Emilio Salgari cando lin a súa primeira novela, 'Sandokán', e axiña caeron todas as coleccións relacionadas con misterio, crimes, novela negra, Agatha Christe, Dashiell Hammett, Wilkie Collins e un longo etcétera. Cheguei a ler libros segundo estaban por orde de estantes.

O meu 'clientelismo' era tal que non tardei en ir na procura das chaves da biblioteca á propia casa de Federico Ferro Ferreiro con horas de antelación á apertura diaria da sala de lectura. E sempre estivo disposto a ofrecermas sen un pero. Aínda hoxe o vexo sentado naquel 'mazadoiro da burga' e tan axiña como notaba a miña presenza, metía a man no seu peto, sacaba as chaves e 'ale, vai abrindo, Chito'. Deume tantas facilidades que rematou por 'traspasarme' a biblioteca municipal.

Ás veces ruborízome cando leo necrolóxicas abondo melindrosas, pero eu hoxe teño que usar o tópico de que sinto a súa viaxe eterna. De verdade e de corazón. Tamén sei que cando, algún día, chegue á súa beira estará a esperarme co talonario de préstamo aberto (na nosa época aínda non existían os arquivos informáticos) para anotar o libro ou libros que queira ler.

Grazas, Federico, polo que significaches para min. Eras máis que amigo e veciño.

Te puede interesar
Más en Cartas al director