festa do magosto en sacardebois

Declarada a mellor festa rachada da contorna da Ribeira Sacra.
Ofrecemos unha fogueira de cozos de castiñeiro para quenta-lo campo da festa e poder quecer, bailando ó seu redor; puñadas de castañas asadas para quenta-las maos e adoza-la boca; orquestra para escoitar, ollar e danzar deixándote levar polos arrolos do mellor tinto da Ribeira do Sil, gratis; chourizos asados ó inferno, quentiños, dentro dun chusco de pan preparados pola Rosita e mais outras mulleres da parroquia de campaneiros e papeiros co gallo de non choraren as barrigas de naturais e foráneos, tamén gratis; e, mesmo, un mangado de apertas a tódalas persoas que veñan a visitarnos á festa do magosto, ó abeiro dunha longa carpa, non se vaian a presentar para afoga-la festa as chuviscadas do outono.

En resumo: lume, música de orquestra ó compás de fermosas cantantes que bailan, lixeiras, a corpo solto, abano de foguetes de cores que soben ó ceo disipando neboeiros, castañas asadas das últimas pingas chimpadas polo vento, chourizos asados na brasa de cozos de cepas vellas, viño novo de mencía do Outeiro, xerro de Gundivós, espumando dos cubetos, e mais apertas cumpridas que che han de quenta-lo corazón, quizais triste pola caída da folla ou magoado polos pasadíos brotes verdes, xa murchos, da recuperación económica que, segundo parece, nestes lares vai abrollar serodia. Vén ó Magosto de San Martiño de Sacardebois: a mellor terapia para a crise. O día 12 de novembro 2011.

Te puede interesar
Más en Cartas al director