INDIGNACIÓN NAS OPOSICIÓNS

Escribo na lingua dos meus devanceiros, xa que sinto que somos a xeración dese último eslavón, as raíces da nosa lingua galega.
Exprésome na lingua na que defendín a oposición este ano 2011. Moitos opositores presentámonos ás oposicións de Educación Primaria, e centos os que sufrimos a calamidade desta desfeita. Isto non foi o 'chapapote', pero parecéselle bastante, porque ben cheos de merda estamos. Busco que alguén me escoite, xa que as queixas presentadas por escrito a través do rexistro con destino a Consellería de Educación seguen sen resposta, ao mellor un día Deus responde dende o máis ala,... ou pode ser que non haxa quen teña valor de facelo dende a consellería.

¿Por qué a xente que sacamos nos anos anteriores notas de 8, 9 e 10, este ano sacamos notas inferiores, sabendo que dedicamos máis tempo a preparar estas oposicións? Os resultados non son de acordo ao traballo feito. Non ten sentido. E o mellor ven cando intentas falar co tribunal que te examinou e non obtés respostas, ou se as consegues dinche que os temas estaban moi superficiais en xeral, e se notaba que todos eran temas de academias. Faiche gracia o conto, cando sabes que o teu temario fixéchelo ti, traballando con varias editoriais, e que che digan iso é incomprensible. Loito por que haxa transparencia na nosa avaliación. Isto é denigrante, ¿por qué se fai isto e sufrimos estas inxustizas? Somos xente que traballamos duro e agora estamos indefensos ante un tribunal que polo visto son deus. Non entendo por qué pasa isto neste século, ¿Por qué tantos erros?, ¿por qué tantas inxustizas?

Non quero darlle crédito a iso de que os familiares dos opositores saíron favorecidos, porque entón será certo que xa non hai transparencia. Sinto necesidade de que alguén faga algo, que diga qué pasou este ano nas oposicións. Dóeme ver que moitos dos que fomos a oposición non fagan nada por medo, que prefiran pasar antes que plantarlle cara a isto. Hoxe sei que somos poucos os que temos o valor de por voz a esta situación. So podo pedir que a voz dos opositores se faga oír.

Pido transparencia para unha inxusta oposición. Xa non sei a quen remitirme, xa non sei a quen pedirlle que se revisen eses exames, que alguén dé unha resposta de peso, as notas individuais, un algo... Pídolle ó conselleiro que faga algo e non peche os ollos a algo que clamamos todos.

Te puede interesar
Más en Cartas al director