'LUAR' MARCIANO

O venres pasado no concurso de gaita do programa 'Luar' da TVG, Denis Rodríguez, gaiteiro de Verín, compareceu armado cunha gaita marcial ou 'marciana' (un híbrido galaico-escocés inventado polo señor Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense) tratando de confundir e enganar... mesmo ó xurado deste concurso! dicindo que era unha gaita galega. O resultado foi unha atinada e ben argumentada reprimenda da gaiteira Susana Seivane, membro do xurado, que lle leu a cartilla e o mandou de volta para a casa.
En anos de traballo do Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) por loitar contra esta farsa, nunca puidemos imaxinar unha difusión tal da nosa causa: a posibilidade de ter 15 minutos de reality-show no programa máis visto da Televisión de Galicia, que serviron para denunciar esta infamia que se está a perpetrar dende a Deputación de Ourense. Grazas a Denis, en horario de máxima audiencia milleiros de televidentes puideron comprobar en directo as diferenzas entre a gaita e o tambor marcial e a gaita e tamboril galegos. Puideron ver a arrogancia dos que, como Denis, foron educados adrede con mentiras e falsos argumentos cuns intereses ocultos que dende hai anos vimos denunciando públicamente.

Grazas, señor Rodríguez, polas máis de dúas mil adhesións (e subindo) en poucos días á causa do CDG en Facebook ('Non á falsa tradición galega na CRTVG'). En agradecemento pola súa imprevisible campaña de difusión, considérese vostede o Socio de Honra nº 2.001, do Colectivo en Defensa da Gaita.

Te puede interesar
Más en Cartas al director