NON HAI BOICOT PARA CHINA

Os boicots son -por definición- destrutivos, algo que na miña opinión é o que menos precisa a castigada rexión. Desde logo e ainda que os seus promotores digan o contrario, non promoven a paz, nin consiguen que as partes en conflito sexan máis flexíbeis. Necesariamente flexíbeis. Pola contra os esforzos encamiñados a impulsar e promover o boicot dividen ainda máis ás comunidades en litixio.
O conflito palestino-israelí non é desde logo sinxelo, non é un debuxo en branco e negro. Cada bando terá que traballar arreo na procura das mellores condicións para a paz, culpar e sancionar a un só bando non contribúe en nada a tarefa de achegar posturas. Boicotear os produtos israelís, a cultura israelí, o deporte israelí... non fomenta precisamente que os líderes palestinos vexan necesarias as negociacións, de feito, co boicot contra 'o outro bando' móstraselles que non é precisa ou cando menos esencial a negociación, porque outros están xa dispostos a ferir ao 'inimigo', económica e políticamente. Boicotear a Israel non contribue a axudar aos palestinos na mellora da calidade das súas vidas, nin a construir o seu futuro Estado, nin xa que logo, a desenvolver as indispensábeis institucións democráticas palestinas. O boicot contra Israel é un movemento no particular taboeiro de xadrez árabe-israelí, destrutivo, no canto dunha acción construtiva coma algúns teiman en presentar.. Se queremos en verdade facer unha contribución positiva para a paz, colaboremos entón cos esforzos e cos programas de apoio mutuo, de interrelación entre a sociedade civil israelí e palestina, pero non engadamos incomunicación onde é precisa unha sobredose de intercomunicación. Noutras palabras, investir na paz e convivencia, non en enfatizar as diferenzas, na falta de cobertura e nas chamadas perdidas.

O argumentario en apoio ao boicot busca só xustificar e deslexitimar ao Estado de Israel. Os responsábeis dos esforzos do boicot curiosamente nunca mencionan a ameaza terrorista permanente coa que convive Israel, e nunca teñen a ben mencionar a grupos islamofascistas como Hezbolláh, Hamas, Yihad islamica... Ignoran os máis de 60 anos de permanente acoso e derribo de Israel con guerras, terrorismo e un perigoso horizonte nuclear iraniano.

Castigar a Israel é un exercicio de suprema hipocresía da esquerda de salón europea, algo que demostra o silencio destes mesmos promotores do boicot, para con reximes como o chinés, o iraniano, o saudí, o sirio, o coreano, o cubano etcétera... Na axenda 'humanitaria' dos sospeitosos promotores do boicot contra Israel só aparece merecente da súa xenerosa atención un estado no planeta... Israel.

Te puede interesar
Más en Cartas al director