palabras que mancan

Onde uns ven violencia e ameazas, outros ven carraxe e impotencia. Depende sempre da chaqueta que vistas ou do lado que esteas. David Fernández, deputado da CUP (Candidatura d'Unitat Popular), dirixiuse a Rodrigo Rato dun xeito seica impropio para un parlamentario e para o lugar dos feitos.
A estas alturas do andado, un xa está farto desa suposta pureza que se lle debe pedir ao discurso de quen interpele a político ou cargo algún, cando pola contra, moitos destes manifestan no seu desenvolver cotián o máis absoluto dos desprezos, sabedores como se saben dos privilexios e proteccionismo que os acubillan. Cando a algúns destes interpelados, e pola parte que nos toca aos que nos empeñamos en ter sempre presente a decencia no noso quefacer, non lle deberiamos manifestar nin o máis mínimo asomo de respecto. Sexa quen sexa e estea onde estea. Non todo vale na democracia. Nin os votos dan lexitimidade á mentira nin ao negocio sucio. As aparentes boas maneiras e o elegante estilo destes elixidos son os ominosos luxos que nós lles pagamos.

Quería dicir, entón, que as palabras de David Fernández, deputado da CUP, non me pareceron en ningún momento ofensivas nin provocadores, tendo ademais en conta, a quen ían dirixidas. É máis, parecéronme moi certeiras e transmitidas dende unha dor que, creo, neste momento que nos toca, é bastante xeralizada. E para mancar máis, se alguén así considera esta misiva que está a ler, non todo o mundo neste país merece o respecto que se lle debería presupor.

Te puede interesar
Más en Cartas al director