Carlos Méndez Míguez: "Do rural deixouse saír a demasiada xente, reverter esa situación é difícil"

Carlos Méndez.
photo_camera Carlos Méndez.

As fontes, os camiños sen pegadas, as casas en ruínas,... foron e son a inspiración de Carlos Méndez. O escritor de Escudeiros, que nos últimos anos desenvolveu un arduo traballo de recuperación e custodia da toponimia das Terras de Celanova vén de presentar o seu primeiro libro de poesía, “Sendeiros perdidos”. 

Que se atopará o lector en “Sendeiros perdidos”?

Isto foi un proceso de repensamento do abandono do mundo rural. O que os casteláns chaman o interior vaciado. Eu fixen unha reflexión dende os anos 50 ata agora e, nesa reflexión, apareceron unha serie de sentimentos que eu reflexo no libro, do que foi o abandono do mundo rural. Non afondo nas causas, que evidentemente todos as coñecemos, simplemente deixo esa relación da persoa co mundo seu e ese abandono.

Como se vive o abandono dende o propio rural? 

Con moita tristeza.Ti cando vas paseando e ves desaparecer un camiño que ninguén pisa xa, é tremendo. Ou como só queda o chorro de toda esa cultura ao redor da fonte. Ou as casas caídas,... No libro, cada poema ten unha ilustración de Baldo Ramos, quen escribiu con Carlos Lorenzo O interior de abandono. O prólogo é de Xan Carlos Domínguez Alberte, quen tamén sabe disto.

Hai marxe para reverter esta situación?

É moi difícil. Deixouse saír demasiada xente e agora é complexo. Gustaríame que se apostase e que fose algo a longo prazo…Tiñamos moitísimas cousas positivas, a xente axudábase, divertíase, tiña raíz no pasado e tiña proxectos vivenciais,... O único que lles faltaba era un pouco de pan e, o que veu despois, mudou en negativo o mundo rural... Ata se meteron co rito ancestral da matanza!.

Mudou a toponimia polos versos?

Non, eu algo fixera cando era novo e tiña escrito cousas antes da pandemia. Éche o mesmo, simplemente método e dedicarlle unhas horas ao día. E logo observación, sentimiento e ilusión por facer algo. Coa toponimia das Terras de Celanova aínda estou a voltas. Teño empezada a de Quintela de Leirado e Cartelle, pero falta o traballo do arquivo e as entrevistas coa xente, teño que esperar a que mellore un pouco isto. Eu farei o que poida  e si sirve para algo… Tamén  acabei o ciclo vital da parroquia de Escudeiros que xa está na rede. 

Te puede interesar