Entrevista

Juanjo Lamelas: "Para entender a mecánica cuántica hai que ter moita imaxinación"

Juanjo Lamelas.
photo_camera Juanjo Lamelas.

A pandemia obrigou a mudar as datas do lanzamento, pero xa está nas librerías "Cóntame un conto cuántico", o último libro de Juanjo Lamelas. Un escritor ourensán coñecido e apreciado na vila de San Rosendo polo seu labor docente no colexio plurilingüe Curros Enríquez. O libro sae á luz da man de Xerais, na colección Básicos da Ciencia.

Á vista do título, non ten pinta de que sexa un conto para durmir.

Sempre tiven inquedanzas por temas de divulgación científica. Este xa é o segundo libro, o primeiro, "Por qué caen las manzanas", sustentábase en cuestións relacionadas coa física. Agora adéntrome no ámbito da física cuántica. O libro arranca na antigüidade e aborda os distintos pasos que deron os científicos ata a actualidade. Eu son lector de libros de divulgación e normalmente estes libros teñen un exceso de documentación que desbordan ao lector ou lles falta un fío literario. Neste caso tratei de darlle forma  inventando un personaxe, unha partícula cuántica que é o fío literario, con alegría e optimista.

A quen vai dirixido?

É un libro para adultos e, a nivel docente, está pensado para alumnado de cuarto da ESO en adiante. Aínda que os meus alumnos (de Primaria) me preguntan ás veces por estes temas. A mecánica cuántica non esta feita para noso cerebro, para a nosa forma de entender o mundo, porque estamos limitados polos nosos temores, os nosos  prexuízos,... Para entendela, hai que ter moita imaxinación e renunciar ao que nos din os sentidos.

Como viven no colexio a súa faceta de escritor?

Aos rapaces lles fai moita ilusión cando sae o libro ou cando atopan algún exemplar na biblioteca, porque sempre traio algúns para o centro. Hai quen me comenta que os seus pais os teñen en casa e sempre teño algúns alumnos que non fallan ás presentacións. Eles teñen a idea, gústalles pensar de que lles dá clase un profesor famoso.

Este ano, polo pronto, non haberá presentación na que xa é a súa casa, a dos Poetas de Celanova

Polo momento haberá que esperar, espero que máis adiante. O libro sae agora porque estaba así previsto no plan anual de publicacións da editorial. Xa se tivo que atrasar, porque o ano pasado quedou todo parado. Con todo, faime moita ilusión. É un fillo que se vai. Eu o libro o empecei a escribir no ano 2014. É unha obra dunha moi lenta factura, que requiriu moita documentación e moito tempo, sobre todo pola necesidade de expresar conceptos moi complicados.

Te puede interesar