Julio Rodríguez: "A Banda de Vilanova é un orgullo para os vecinos e un sentimento que se leva dentro"

Julio Rodríguez.
photo_camera Julio Rodríguez. (FOTO: ÓSCAR PINAL)

A banda de Vilanova vén de recibir o premio “Adolfo Enríquez” en  Raigame polo seu 160 aniversario

Celanova é un dos poucos concellos que conta con dúas bandas de música. Unha delas, a de Vilanova, recibiu o luns o premio “Adolfo Enríquez” en  Raigame polo seu 160 aniversario. Unha distinción honorífica que recolleu Julio Rodríguez, quen acaba de asumir o reto de xestionar a banda e atopar un novo director e músicos cos que manter a actividade .

Acaba de chegar e xa recolleu un premio, como se sente?

Estamos moi contentos e agradecidos polo recoñecemento. Asumir o cargo é moita responsabilidade para min. Estamos nun momento de cambios, ademais da directiva temos que buscar un novo director porque marchou o compañeiro que facía esas funcións e estamos na procura tamén de músicos. 

Que proxectos tendes? 

O primeiro é que a banda retome a súa actividade, que nestes tempos que estamos é difícil. Segundo vaiamos avanzado, iremos buscando cousas novas porque a situación vai mudando e temos que ir adaptándonos. A banda sempre tivo uns 30 músicos e iso é o que intentamos manter. Gustaríanos contar con xente que xa estivo e que queira volver e tamén xente nova. Dende a Banda de Celanova se brindaron a apoiarnos neste momento e pode ser unha forma de retomar o contacto, unha nova forma de facer as cousas.

Adeus a rivalidade coa agrupación da capitalidade do concello?

Ultimamente xa non había tal rivalidade, iso foron outros tempos eu xa non o vivín.

A pandemia impediuvos conmemorar no 2020 o aniversario, tendes pensado algún acto especial para este ano?

O ano pasado había algo programado, pero ao final non se fixo nada pola pandemia. Creemos que ese ano algo se poderá facer.

Que supón a banda para o pobo de Vilanova?

Para os veciños é un orgullo e para nós (músicos) é un sentimento moi importante porque levamos o nome de Vilanova dos Infantes por todos os sitios. Iso só se manifesta vivíndoo. Non hai outra maneira de explicalo.

Como se presenta a tempada? 

Agora mesmo non temos ningunha actuación prevista.  Estaría ben, se nos quitan as mascarillas, poder actuar na festividade local de Santa Ana. A última vez que saímos tocar  foi o ano pasado polo San Benito en Cartelle. 

Te puede interesar