Pontón urxe porlle freo ao bum eólico “depredador”

A portavoz nacionalista reclamou un plan de dinamización para Celanova

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón fixo onte en Celanova un chamamento para frear o “bum eólico depredador” e poñer condicións ao desenvolvemento da enerxía eólica: “Facelo escoitando ás poboacións locais, medindo o impacto de cada parque no territorio e facelo garantindo que esa enerxía deixa un retorno alí onde se instala”, dixo. Pontón criticou as políticas de Feijóo, que “só benefician ás grandes eléctricas” e mesmo aludiu a paralización da ampliación dos espazos da Rede Natura 2000 para favorecer novos parques. 

Co Monte da Neve ao fondo, territorio que dá nome ao parque eólico proposto entre Celanova e Verea, o portavoz do BNG celanovés, Leopoldo Rodríguez, pediu unha revisión do mesmo, pola repercusión e impacto negativo co respecto ao patrimonio monumental e turístico da vila “e que a propia empresa nos recoñeceu que non vai dar beneficios”. Sentir diferente ao do BNG de Verea. Seguindo a disciplina do partido de “escoitar a veciñanza”, o alcalde nacionalista de Verea, José Antonio Pérez Valado, trasladou que o impacto no seu municipio “non é o mesmo” e, coñecedor do acordo entre comuneiros e empresa, amosou o seu convencemento de que “parte dos beneficios si que van repercutir no concello”. 

Na súa visita pola vila, a portavoz dos nacionalistas avogou pola creación “dun centro de transformación de produtos agrarios no marco dun plan de dinamización económica que inclúa apoios ao sector agrogandeiro e á rehabilitación do patrimonio, xerando emprego e freando a despoboación”. Con respecto a peonalización da vila, Pontón dixo que o BNG está a favor da recuperación dos espazos públicos para as persoas, matizando que “para que funcionen, hai que facelos ben, dende o rigor e o diálogo”.

Te puede interesar