A Academia Galega da Língua Portuguesa recalca o caracter ‘lusófono’ do galego e cualifícao de ‘forma de portugués’

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), que se inaugurou en Santiago de Compostela, nace coa vocación de ‘concienciar á sociedade’ do carácter ‘lusófono’ do idioma galego, ao cal cualificaron de ‘forma de portugués’.
Así o explicou hoxe na sesión inaugural o presidente da AGLP, José-Martinho Montero Santalha, que asegurou que ‘en Galicia se fala unha cousa que se lle denomina galego, pero que vén sendo unha forma do Portugués’. ‘Polas indicacións dos lingüistas, nós denominarémolo Portugués de Galicia’, sinalou.

Nun acto no que estiveron presentes numerosas personalidades da vida cultural e política de Galicia e os países lusófonos, os presentes marcaron como obxectivo desta Academia ‘concienciar os cidadáns da súa condición de lusófonos’ e ‘continuar o movemento reintegracionista’ do galego.

Así, os presentes tiveron palabras de recordo para o intelectual ‘portugalego’ Ernesto Guerra da Cal e para o intelectual Ricardo Carvalho Calero, estandarte do reintegracionismo lusista galego e ‘fundador honorífico desta academia’.

Ademais, os diferentes intelectuais gabaron as posibilidades de comunicación que ofrece a reintegración do galego no mundo ‘lusófono’ nunha ‘sociedade globalizada’ e recalcaron que ‘unidade non significa uniformidade’, senón que ‘os pobos lusófonos son un conxunto de países con culturas diferentes unidos por un nexo idiomático común’.

CORPUS LINGüISTICO COMÚN

O secretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez Lema, que participou tamén na sesión inaugural, resaltou o corpo lingüístico común que supón a lusofonía como ferramenta para comunicarse con preto de 230 millóns de falantes en todo o mundo’.

Nesta liña, Pérez Lema asegurou que Galicia ‘non pode permitirse desprezar esta ferramenta’, que o convertería ‘no pequeno país de Europa con máis posibilidades de relacións internacionais e de comunicación’.

Así, o secretario xeral apostou por traballar neste sentido e ‘acabar co absurdo illamento de Galicia’ con respecto á lusofonía’.

No acto participaron, entre outros, os doutores da Academia das Ciencias de Lisboa Joao Malaca Casteleiro e Artur Anselmo, o doutor da Academia Brasileira das Letras Evanildo Bechara, o reitor da Universidade Aberta (Portugal), Carlos Reis; e o escritor mozambicano Joao Craveirinha. Ademais, tamén se presentou durante o acto o primeiro número do 'Boletim da AGLP'

Te puede interesar