A bolboretiña do día | Anos e anos

Nada impide que haxa dúas palabras idénticas que teñan dous significados distintos; son as homónimas, por exemplo, zoco, de mercado, e zoco de calzar. Pero son poucos casos. En galego ano, (do latín annus) é un período de tempo, e ano (do latín anus) sería a vía de evacuación dos residuos sólidos persoais.  A palabra pura latina, úsase en case todas as linguas. Así os portugueses usan “anus”, como fan francés, inglés, catalán, alemán, vasco...  Porque polo popular “o ollo do cu” ten as súas correspondencias populares: “trou du cul”, “asshole”, “buco del culo”, etc. Está claro que se viñese por vía popular, desaparecería en galego o ene intervocálico e sería “ao”, cousa que non é nin foi. ¿Debemos nós usar a forma do latín común coa maioría das linguas ou seguir arrimados a castelán e italiano, que, por outra parte, non teñen o problema da homonimia, pois eles distinguen o cronolóxico (año/anno) do evacuatorio, (ano)?  Eu téñoo claro. Non coincido coa recomendación da RAG, pero acátoa... ata que cambien. 

Te puede interesar