A bolboretiña do día | Arma

Están falando as armas que sempre son moitas. Por iso o latín esqueceu o singular “armum” e xa só usou o plural “arma”. E seica vén cunha palabra que facía referencia ao encaixe do ombreiro e o brazo superior, de tanto xogo cando se anda con espadas, xabelinas, lanzas e demais armas no combate  home a home. E desa idea de encaixe vén a palabra “armar” un puzzle ou moble de Ikea, e cousas semellantes. E ese vello significado orixinal tamén está relacionado con “arm”, brazo, en inglés. En fin, que as armas gardábanse nun sitio que lle chamaron armario, e sería bo que non as houbese máis grandes, e estivesen alí sempre pechadas. A verdade é que un pouco brutiños somos de coller de aí a palabra para os “garda roupas” ou semellantes. Iso que a etimoloxía popular, tanto en galego como en portugués, tamén anda un pouco escorada; difundiuse a palabra “almario”, como se fose o lugar de gardar as almas. Si. Tal e como está hoxe o mundo, ben mellor cumprían almas ca armas.  

Te puede interesar