A bolboretiña do día | Bandeiras e pendóns

As bandeiras, xa o saben, é un produto téxtil que se pon nun pau -mastro, como dos barcos ou hasta, das lanzas en latín- e que identifica zonas, xentes, empresas. Así, se vai pola estrada e ve ao lonxe moitas bandeiras de colorinchos sabe que hai unha gasolineira. E se vai a unha visita é lle poñen a súa ao revés, pois, simplemente, é un insulto. Ninguén que entenda o mínimo da organización de actos, pode pensar en erros. E se bandeira vén de banda, como bandido;  pendón, vén do francés “pennon” que tiña que ver con pena, con pluma, e usábase para bandeiras moi lixeiras que flamexaban coma plumas. E de aí, nas linguas da península mesturouse con “pender” familia de “pendurar” e pasou a pendón. Por iso, nos locais onde se vendía algo, puñan un pendón fóra para anunciarse. E desa exhibición pública para venda, pois pasou a ser palabra para mulleres de alegre vida e homes disolutos. Nada que ver coa palabra “estandarte” que di o Corominas, un sabio, que vén da forma xermánica “Stand hart” e faría referencia a “Estar firme”, pois o estandarte suxeitábao unha persoa erguida de confianza. 

Te puede interesar