A bolboretiña do día | Trangallada e trapallada

As votacións do BenidormFest e as votacións do Congreso da reforma laboral, e non sei por que, trouxéronme á cabeza estas dúas palabras. Estiveron ben ou foron trapalladas ou trangalladas? Que entendemos por unha e por outra? Para empezar, non compartimos co portugués o de trapallada no seu senso denotativo, no plano, pois trapallada -ou trapada- sería para eles, un conxunto de trapos, pero si compartimos o senso metafórico como cousa confusa, problemática e ata enganosa, o que en castelán sería, sobre todo no sentido de engano, trapaza... Así un dos exemplos do dicionario Priberam é: “Ele é perito em mentiras e trapalhadas”. E trangallada é exclusiva do galego e evolucionou moito nos últimos anos. Nos dicionarios do s. XIX sinala que unha trapallada é un “baile de candil”, isto é, “bailes de trangallada enxebre”, senso que se conserva aínda hoxe no dicionario da RAG no sentido segundo de “diversión ou festa improvisada e desordenada”, aínda que dominan xa os outros significados, tal que “cousa mal organizada ou mal feita, sen arte nin xeito e pouco seria”, “cousa ou conxunto de cousas sen orde” ou “cousa insignificante, sen valor e importancia”.

Así pois, deixémonos de trapalladas e de trangalladas.

Te puede interesar