A bolboretiña do día | Tregua e armisticio

Xa que andamos estes días ás voltas coa guerra e xa falamos de que cumpría paz, o bo sería empezaren xa por unha tregua. É palabra tardía no latín que recolle dunha forma xermánica “triggwa” que seica quería dicir o mesmo. De aí que nas linguas máis parecidas ás nosas (portugués, castelán, italiano) se diga sempre tregua. Os franceses din trêve e os cataláns, treva; todo parecido. En inglés din hoxe “truce” que nos indica o camiño de onde veu a palabra, pois está relacionada esa tregua con “true”, verdadeiro, e “trust” confianza. Ou sexa, para haber unha tregua, debe haber unha confianza verdadeira en que se cumpren determinadas condicións. Curiosamente os romaneses conservan a forma latina máis antiga -para nós cultismo- armistiţiu, armisticio, e que significaría que as armas están paradas. Como en solsticio, que o sol estaría parado no máis alto. Así que tregua ou armisticio, o caso é que se deixen de matar canto antes.

Te puede interesar