A bolboretiña | Inverno... caroal?

A pouco refraneiro que un saiba, coñece aquel que di “Entre Santos e Nadal (ou Natal), inverno caroal”. E si, sabemos que antes era moi frecuente usar datas relixiosas -como as ambas ditas- para significar data do ano en vez de ir ás vellas denominacións cultas latinas dos meses, tan semellantes en todas as linguas. O mes de Santos é no que andamos e o mes de Nadal o que ha vir ao rematar este. Así pois, entre o 1 de novembro e o 25 de decembro o inverno é “caroal”. E que quere dicir iso de “caroal”? Eu non lles sei doutro contexto no que se use, máis ca neste refrán, así que é normal pensar que se está ante un intensificador que anuncia a chegada do inverno duro. A definición e exemplo do dicionario da RAG vai nesta liña: “Caroal: Máis intenso ca outros en canto a algunha das súas calidades. Un inverno caroal é un inverno moi frío”. Pola contra, o riquísimo dicionario de Estraviz -tamén on-line- recolle xusto o contrario. Na súa terceira acepción: “Diz-se do inverno que aínda nao é muito frío. E pon un exemplo contrario: Entre santos e natal, inverno caroal; entre janeiro e fevereiro, inverno verdadeiro. Quen ten razón? A verdade é que non lles sei. Sempre pensei que caroal era frío a rabear, pero a segunda parte do refrán do Estraviz parece indicar o contrario. Escollan.

Te puede interesar