O Centro Coreográfico Galego coproducirá o espectáculo 'Gharbo !' coa compañía Contra2

O Centro Coreográfico Galego (CCG) coproducirá na presente tempada escénica 2011-2012 o espectáculo 'Gharbo!' xunto coa compañía Contra2.
Segundo explicou a entidade, a coprodución suporá a prestación por parte do CCG da asistencia artística, musical e técnica a través dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

'Gharbo!', con dirección coreográfica de Iván Villar e dirección musical de Nelson Quinteiro, estará interpretado por un elenco de tres bailarins e dúas bailarinas que integran Laura García-Vera, Alba Vázquez, Amparo Novas, Nelson Quinteiro e Iván Villar.

Para a consideración deste proxecto, o CCG valorou especialmente a súa calidade e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas, a achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.

A acción de 'Gharbo!', a estrea da cal se prevé para primavera de 2012, desenvólvese nunha escenografía que representa un baixo teito de dúas augas, onde o propio espazo se converte 'nun ente propio e emocional' que fala dos recordos e das actitudes colectivas de cada un dos integrantes do proxecto.

Te puede interesar