O presidente da RAG cre que o TSXG ve 'indicios' contra a legalidade

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, expresou hoxe a súa satisfacción pola admisión a trámite do recurso que a institución presentou contra o decreto do plurilingüismo xa que considera que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) viu 'indicios' de que non se axusta á legalidade.
O responsable da RAG recoñeceu nunhas declaracións a EFE que confiaba na admisión do recurso, aínda que confesou sentirse sorprendido pola 'dilación' do máis alto tribunal de Galicia na toma desta decisión.

Non obstante, para Méndez Ferrín esta demora é un 'signo' de que o TSXG estudou o recurso 'moi profundamente' e de que os xuíces están 'moi seguros' de que hai 'indicios racionais de que o que se reclama é de lei'.

O presidente da RAG criticou o 'atrevido' camiño tomado polo Executivo autonómico ao aprobar esta normativa tendo en contra 'a todo o arco parlamentario' e acusouno de atentar contra o consenso legal precedente.

'Cunha maioría tan pequena non se pode tomar unha decisión tan radical, porque foi unha revolución copernicana dentro do ensino en Galicia', asegurou.

Méndez Ferrín avogou polo consenso e pola confraternidade nos 'grandes problemas sociais', entre os que incluíu, o do idioma.

Ademais do recurso presentado pola RAG, o TSXG admitiu a trámite os interpostos polos sindicatos STEG e CCOO, polas asociacións Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego.

Te puede interesar