PSdeG critica que a Xunta pregunta á RAE polos apelidos e non á RAG

O PSdeG criticou que a Xunta consulte a Real Academia Española (RAE), e non a galega (RAG), os criterios de alfabetización dos apelidos do alumnado galego.
O deputado socialista Francisco Cerviño presentou unha pregunta neste sentido no Parlamento de Galicia, en que denuncia a consulta realizada pola Consellería de Educación, cando 'estes asuntos corresponden por Lei á RAG'.

En opinión do parlamentario, a circular neste sentido da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do pasado 28 de febreiro en relación coas instrucións sobre o proceso de admisión do alumnado para o curso 2011-2012 denota 'falta de sensibilidade, cando non de ignorancia supina, coa lingua galega'.

Agrega nun comunicado que se podería tratar, ademais, dunha posíbel 'conculcación da legalidade', xa que este labor recae na RAG.

Para Cerviño, esta decisión 'non é máis que outro indicador da nefasta política que sobre a lingua galega está levando a cabo o Goberno de Núñez Feijóo, unha política de desprotección da lingua galega'.

Despois de explicar que non ten outra cousa que gabanzas para a RAE polo seu traballo en favor do castelán, o deputado insiste na súa 'sorpresa' pola consulta a esta academia, 'cando é a Real Academia Galega o órgano consultivo pertinente, non só do punto de vista legal, estatutario, mais desde o mero sentido común, incluíndo o sentido común político'.

Francisco Cerviño conclúe que no punto terceiro da circular se sinala que 'a seguir se inclúen os criterios de alfabetización dos apelidos que, en resposta á consulta formulada por este centro directivo, achegou a RAE' e expóñense 'sen traducir ao galego'.

Te puede interesar