Asociación da Prensa da Coruña e Sindicato de Xornalistas piden solucións para os traballadores de 'Galicia Hoxe'

A Asociación da Prensa da Coruña e o Sindicato de Xornalistas de Galicia reclamaron este luns solucións para os 19 profesionais que quedarán sen traballo a raíz do peche da edición impresa de 'Galicia Hoxe', o único diario de pagamento que se edita en lingua galega.
A primeira destas organizacións profesionais fixo un chamamento á empresa propietaria deste diario, o Grupo Correo Gallego, para que recoloque aos 19 traballadores que quedan sen posto de traballo nalgún dos medios cos que conta, como o diario El Correo Gallego, Radio Obradoiro ou Correo Televisión.

Así mesmo, nun comunicado lamenta o peche da edición en papel de 'Galicia Hoxe' e subliña que 'se trata do primeiro rotativo diario que sucumbe en Galicia' ante a crise económica que afecta á totalidade dos sectores produtivos' e solidarízase coa situación dos traballadores involucrados, que atribúe a unha 'decisión empresarial'.

Pola súa banda, o Sindicato de Xornalistas advirte de que os seus servizos xurídicos avaliarán as razóns económicas esgrimidas pola empresa e fai un chamamento 'ao diálogo e á unidade de acción' dos sindicatos presentes no comité de empresa de Editorial Compostela.

O sindicato recorda, tamén nun comunicado, que pecharon outros medios en lingua galega como 'Vieiros', 'A Nosa Terra' en papel, 'A Peneira' ou 'GZ nación' e denuncia a 'total pasividade' das administracións malia que, segundo os seus datos, medio centenar de xornalistas de medios galegos perderon o seu traballo en menos dun ano.

Te puede interesar