Concelleiro de Economía de Ourense

Fernández Gallego: ’A Axencia Tributaria embargará as devolucións do IRPF e do IVA ós morosos do Concello’

Agustín Fernández Gallego, concelleiro socialista de Economía no Concello de Ourense.
Motivación dos traballadores e persecución do fraude fiscal son as claves que expón o edil socialista de Economía, Agustín Fernández, para acadar os 97,1 millóns do primeiro orzamento do bipartito ourensán, ’o que se merece a terceira cidade de Galicia’
Parece ser que estes orzamentos son os máis ambiciosos da historia de Ourense.

Se os comparamos co último, a diferencia é importante, porque aumenta nun 24,35 por cento. Creceu moito pero é o que se merece esta cidade, é o orzamento considerado ’normal’ e ten que seguir medrando. Hai que pensar que Lugo, que ten 93.000 habitantes, no 2007 tivo 94 millóns. E Pontevedra, que ten 83.000 habitantes, tivo un orzamento de 73 millóns.

¿Qué ten que dicir ás críticas polo retraso das contas?

Mentres non entra en vigor o presuposto de 2008, prorrógase o do ano anterior. O Concello sigue funcionando, gastando e invertindo. Non se paraliza. En segundo lugar, coido que a mediados de marzo estará en vigor. Moitos expedientes de contratación pódense ir iniciando de tal forma que se adxudiquen cando se aprobe o orzamento, adiantando así a tramitación. E por último, o feito do retraso é xustificable porque tomamos posesión pouco antes do verao, tivemos que arranxar os problemas que nos deixaron, os ’pufos’ e facturas irregulares sen crédito, que tivemos que pagar. Tivemos que reorganizar o Concello e facer modificacións orzamentarias non só para chegar a fin de ano, senón para pagar as débedas. Esto supuxo unha carga moi importante para os órganos de xestión. Por eso o orzamento se retrasou un pouco, algo que é normal nun novo equipo de goberno. Eu penso que cando o PP levaba 12 anos, nos últimos catro só un entrou en vigor o 1 de xaneiro. O de 2006 entrou en vigor en marzo dese ano. Eles non teñen nada que ensinarnos a nós, pois o seu aforro neto estaba adulterado, porque non reflexaba tódolos gastos. Se esto o chega a facer unha empresa, sería un delito penal. Pero como é no eido público, só queda nunha pataleta política despois de ter feito o que lles diu a gana.

¿Que pensa sobre a posibilidade de que sexa impugnado pola falla de especificidade ou ’prudencia’ nas previsións?

As consideracións do interventor son, literalmente, as mesmas tódolos anos porque ao mellor son cuestións moi discutibles e os criterios dos órganos de goberno non coinciden con el. En concreto, con respecto ás previsións, ’a priori’ é imposible que todas as partidas se podan concretar, sobre todo en infraestructuras viarias. E sobre o principio de ’prudencia’, pola miña experiencia como inspector de Facenda durante 24 anos e traballei por obxectivos, creo que é ilusionante e motiva máis á xente establecer metas obxectivas que son perfectamente alcanzables.

¿En qué senso?

Estamos a falar dunha mellora dos ingresos dun 2,5%, é dicir, 2,5 millóns de euros. ¿É mellor dicirlle aos funcionarios que estén cos brazos cruzados vendo como se recauda en función do crecemento vexetativo ou se lles marcan obxectivos ambiciosos dicíndolles ’imos mellorar’, ’imos aumentar a productividade’? Se trata, sen máis, de aumentar e optimizar a xestión activa dos ingresos, motivando á xente para que se alcancen as cousas grazas ao seu traballo, non ao mero cálculo estadístico. Se nos ceñimos só a variante de cómo funcionaron no pasado esperando a que así vaian no futuro, ¿que fago aquí coma concelleiro? Eu sempre utilizo unha frase: ’Se non o intentamos nin tan xiquera teremos a oportunidade de fracasar’.

¿Que pasará se non se acadan as previsións?

Se non o conseguimos, aínda que eu estou convencido de que si o lograremos, estamos a falar de medio millón ou un millón de euros: eso non afecta para nada ao funcionamento do Concello nin ao equilibrio presupuestario. No ámbito da previsión de ingresos hai que ser positivo e ambicioso. Incluso pode retribuir nunha parte no funcionario en función dos resultados acadados. E o orzamento é unha previsión de ingresos. Pódome equivocar, pero pola miña experiencia, sei que os obxectivos se acadan. Pódeche fallar unha área, pero outra a pode compensar. Non imos gastar máis do que sae nas previsións. Se nos equivocamos nas previsións, viremos aquí e daremos a cara. E se hai que modificalo, o faremos antes de gastar, nunca despois.

O interventor tamén é escéptico co tema dos aproveitamentos urbanísticos.

Estamos prevendo, por fin, que sexan realmente significativos. É claro que non se poden gastar ata que non se obteñan. Por exemplo, no caso de Eroski, se achegarán cantidades impor tantes. E mentras non chegan os ingresos, teremos tempo de ir elaborando todos eses proxectos individualizados. E, por certo, hai pleno acordo do bipartido ao destino destes aproveitamentos.

Explique as medidas concretas para loitar contra o fraude fiscal.

O xoves tivemos unha reunión con funcionarios da Axencia Tributaria para poñer en marcha un convenio de colaboración, xa firmado hai moitos anos e que non se executara ata o de agora. Consiste en que a Axencia embargará os créditos tributarios en devolucións vía IRPF e de IVA para que o Concello cobre os seus tributos. Nós mandarémoslle a lista dos nosos deudores e eles embargarán. A cambio, o Concello fará a mesma labor. É un convenio firmado hai anos e que simplemente non se estaba executando. Tamén contrataremos a algunha persoa con coñecementos especializados en xestión tributaria, que é un dos déficits do Concello, xa que hai excelentes funcionarios que precisan dalguén con formación que tire deles.

¿Por que non se facía fincapé antes na persecución dos morosos?

Porque aquí parecía que era ir contra os amigos, pero hoxe estamos falando de xustiza tributaria. Aquí o 90% dos contribuintes paga os seus impostos, e hai outro 10% que disfruta dos servicios que lles pagan os demáis. E eso non pode ser. Por eso tamén firmaremos un convenio co Catastro que nos permitirá unha mellor identificación dos titulares dos bens catastrais, evitando así a mala emisión dos recibos, como está sucedendo. E sen esquecer ao inventario municipal. Estas medidas concretas se sumarán á mellora do personal e á motivación.

¿En canto se endebeda o Concello polo crédito de 3,5 millóns?

Non o estamos endebedando máis. Esto se define en función da tasa de endebedamento, que é a cantidade de préstamos dividida entre ingresos correntes. Unha familia que gane moito, pode pedir préstamos máis grandes. Non só non endebedamos ao Concello senón que prevemos reducir a tasa, porque o préstamo é da mesma cantidade do que somos capaces de amortizar nun ano. No peor dos casos, o endebedamento será o mesmo. Pero se aumentamos os ingresos, vaise aminorar sempre do 65% actual ao 62% que esixe o Plan Económico Financieiro, e incluso menor. ¿Cómo nos critican a nós se a Diputación ten tasa de endebedamento do 110%, que é o límite legal?

Te puede interesar