Bidueira estrea as rondas do Entroido 2024 dos folións por Manzaneda

As próximas visitas xa marcadas por este fulión serán o vindeiro sábado no pobo de Raigada e o día 27 en Trabazos

A esencia do entroido está ben presente en Manzaneda, e o seu hipnótico son da fulión marcou o inicio das festas. 

Este sábado, a pesar das inclemencias do tempo e unha choiva que non foi capaz de estropear a festa, ao redor das nove da noite, a entrada de Bidueira era o punto de encontro onde os veciños da aldea recibían ao fulión da Mourela p’acá, que entraban coas súas mázcaras abrindo paso.

O fulión visitante saudou e pediu permiso, en forma de verso como manda a tradición e tras obtea resposta do pobo de Bidueira dando permiso para tocar na súa aldea, cornas, bombos e sachos resoaron acompañados polas esquilas dos cintos das mázcaras.

Así o son atronador do fulión escoitábase estreando este entroido no Concello de Manzaneda, que xa non dará tregua durante todo un mes.

Despois da ronda,convidados pola veciñanza da Bidueira, confraternizaron nunha cea onde máis de medio cento de participantes compartiron risas e bo ambiente.

As fins de semana é cando estas aldeas acollen estes encontros e as súas rondas de fulións. O vindeiro sábado será en Raigada, e o día 27, é en Trabazos.

Te puede interesar