Paparotas na Ponte e Seixalbo, orellas no CHUO e felos e madamas en Esgos

Os felos e as madamas alegraron a mañá aos veciños das aldeas de Esgos.
photo_camera Os felos e as madamas alegraron a mañá aos veciños das aldeas de Esgos.
A festa está en todos os recunchos da cidade e na súa área metropolitana, e inda quedan días de troula por diante

O Entroido está en todos os recunchos da cidade e da provincia estes días. Onte, foi unha xornada máis de festa en dúas zonas da cidade con moita tradición entroideira, como A Ponte e a vila de Seixalbo. Os primeiros tiveron, como é habitual, un domingo dedicado aos nenos, con xogos infantís pola mañá. Logo houbo unha paparota con pulpo, carne ó caldeiro e viño, e xa pola noite un concerto. 

Pola súa banda, en Seixalbo tiveron ruada, sesión vermú e o tradicional xantar festivo do “Domingo gordo” do Entroido, que congregou a decenas de personas cun moi bo ambiente. 

Tamén foi un día de celebración, na medida do posible, para os traballadores do CHUO. O Sergas celebrou a festa do entroido con reparto de de orellas ao persoal de garda coa colaboración das Asociación  de pacientes e as máscaras das Bonitas de Sande, que fixeron unha exhibición entroideira diante do hospital.

Xa na área metropolitana, continuou a troula en Barbadás durante toda a xornada, con charangas percorrendo as distintas parroquias e en Esgos celebrouse a tradicional saída dos felos e madamas polas aldeas onde foron recibidos con vítores polos veciños. Xa pola tarde, celebraron un desfile de disfraces.

A provincia é un non parar. E aínda queda festa. En moitos sitios, o mellor está por chegar.

Te puede interesar