Vilameá recupera as danzas

Os veciños durante os ensaios desta fin de semana a carón da capela de Santa Lucía
photo_camera Os veciños durante os ensaios desta fin de semana a carón da capela de Santa Lucía

 

Veciños de Lobios poderán desfrutar da recuperación do baile dos Arcos e da Palma, unha danza ancestral que se perdeu nos anos 60 do século pasado do Entroido de Vilameá e que os lugareños recuperaron este ano xunto con novas caretas do Entroido Vello.

Corenta veciños de Riocaldo, preto da fronteira de Portela do Home no Xurés (Lobios), contan xa cos seus traxes de danzantes para vivir o Entroido de Vilameá, que este ano será o 10 de febreiro, e contará con importantes novidades con respecto ao 2023, como a recuperación do baile dos Arcos e da Palma, “máis xenuíno e ancestral que o do Pau e das Pitas (recuperado no 2020), e que dende finais dos anos 60 non se volvera a representar”, lembra Pepe Yáñez, un dos veciños implicados no proceso de recuperación do Entroido, quen desvelaba tamén o impulso que lle queren dar ao Entroido Vello. “Con vestimenta propia dos personaxes e figuras ligados a nosa mitoloxía, representadas na morte ca Santa Compaña, no lobo, no demo, na bruxería... Trátase de persoeiros de vellos ‘farrapentos’, ‘espantallos’ que se encargaban de repartir cinza e formigas, de sulfatar,  espantando aos veciños, asistentes e curiosos”, dixo.

A iniciativa veciñal para revivir o Entroido xurdiu no 2019 e, a pesares da pandemia, deu pasos importantes en canto a investigación sobre as orixes da festa, e a recuperación e promoción, tanto dos traxes como das tradicións. Unha festividade que, en Vilameá, comezaba co San Blas, sendo o día grande o Martes de Entroido na Veiga da Sanrela. Este ano, dado que a maior parte dos veciños viven fóra entre semana, acordaron adiantar a festa ao sábado 10 de febreiro. Se o tempo o permite, a partir das 16,00 horas haberá desfile pola Devesa e Vilameá e posterior representación das danzas no exterior da capela de Santa Lucía, tanto do grupo de adultos como de mozos. Antes da chocolatada, está prevista a aparición das máscaras do Entroido Vello. Tamén estarán no desfile de Lobios  o Martes de Entroido.

Obradoiros

Sempre co afán de mellorar e crecer, o colectivo tratou de levar este ano o Entroido a todas as casas do lugar e, a través de varios obradoiros, favoreceron a elaboración de novas caretas, traxes e os arcos para a danza, o que serviu tamén para incorporar ás novas xeracións. “A entrada de catro mozas énchennos de satisfacción, e fan que xa contemos con preto de vinte danzantes e preto de corenta traxes”, calcula Yáñez. Olga Bernardo, outra das veciñas, puña o acento na autenticidade das pezas elaboradas, que tratan de respectar os materiais orixinais. “Nas saias das mulleres, un 95% fixéronse coas colchas da época que nos cederon as veciñas, que as tiñan gardadas na casa”, agradecía, lembrando como, daquelas, “as mulleres  as preparaban e cosían de tal maneira que, ao pasar o Entroido, as colchas volvían a usarse como roupa de cama”.

Laboriosa foi tamén a tarefa de elaboración dos arcos  para as danzas, feitas a partir dunha estrutura de vimbios e ramas de mimosa entrelazadas, recubertas despois con flores. Os caretas do Entroido Vello, unha sorpresa ata o día da festa, están feitas cunha base de cortiza.

Te puede interesar