CONCENTRACIÓN

Alcaldes da oposición protestan en Santiago polo 'tasazo de Sogama'

Concentración de los alcaldes de la oposición delante de la Xunta de Galicia
photo_camera Concentración de los alcaldes de la oposición delante de la Xunta de Galicia

Acusan a Feijóo de actuar con "arrogancia" e propoñen repartilo entre municipios, Xunta e empresa.

Alcaldes do PSdeG e do BNG volvéronse concentrar este martes contra a suba, dun 33,5%, do canon que pagan a Sogama, o que cualificaron de "tasazo", e propuxeron distribuír cargas e "facer copartícipes equitativamente" do incremento a municipios, Xunta e empresa.

Os rexedores, que acusaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar con "arrogancia", pedíronlle que se abra ao diálogo. As propostas dos representantes municipais, indicaron, concrétanse na repartición da suba do canon e en abrir unha mesa de traballo sobre o modelo de xestión de residuos.

Na protesta, que se produce unha semana despois da convocada ante o Parlamento, participaron medio centenar de persoas, entre as que se atopaban alcaldes, concelleiros, deputados na Cámara galega e outros cargos destas dúas formacións políticas. Situados tras unha pancarta co lema 'Os concellos contra a suba do canon do lixo de Sogama', corearon consignas como 'co taxazo de Sogama, Feijóo nos fai a cama' ou 'Feijóo, escoita, queremos respostas, que non nos dean ás costas'.

A concentración comezou a mediodía ante as instalacións da administración autonómica en San Caetano. O rexedor de Monforte (Lugo), Severino Rodríguez (BNG), foi o encargado de ler un manifesto, presentado ante o rexistro da Xunta, no que apostan por "seguir ofertándole diálogo e posibilidade de consenso" o presidente galego.

En calquera caso, os representantes municipais trasladaron a súa intención de seguir adiante coas protestas, que inclúen presentar un recurso contra a suba do canon, un encerro en instalacións da Xunta e negarse a aboar este incremento. Esta última medida suporía que se pagaría a cantidade vixente o ano pasado máis o IPC e que o equivalente ao incremento quedaría depositado nun xulgado.

Neste sentido, o alcalde de Monforte explicou que este municipio depositará 150.000 euros anuais (aínda que os ingresará mes a mes), que é o que representará para este concello o aumento na factura -cada un paga en función da cantidade de residuos que envía a Sogama-. O depósito, aclarou, farao cara a mediados de abril, cando chegue a factura de marzo, o primeiro mes no que se aplica a suba.

Ademais, indicou que prevé que "esta semana ou a próxima" se presente o recurso pola vía contencioso administrativa, que estima que "pode resolverse nun ou en dous anos", polo que, entrementres, os concellos insubmisos farán eses depósitos de fondos.

"UNHA INXUSTIZA SOCIAL"

"Os alcaldes imos seguir mantendo estas reivindicacións. Entendemos que a vía do diálogo, por medio da negociación e o consenso, vai ser fundamental para arranxar este grave problema", manifestou o alcalde de Ribadavia (Ourense), o socialista Marcos Branco, que considerou que "o tasazo de Sogama é unha auténtica inxustiza social" e a medida debe ser revisada e negociada cos alcaldes".

Ademais, asegurou que están "moi sorprendidos" pola actitude da Xunta "e, en concreto, a do seu presidente" por darlles "as costas" e "negar o diálogo" sobre unha medida que "afecta a todos os galegos sen excepción", con independencia da súa situación económica.

"CASTIGO" AO MUNICIPALISMO

No manifesto, os "máis de 90 alcaldes" que avalan as protestas aseguran que pretenden abrir "unha vía de diálogo" coa Xunta para atopar unha solución a este "tasazo", que "castiga unha vez máis e de xeito reiterado e inxusta ao municipalismo e aos galegos".

Para resolver o conflito, engaden, apostan "como única vía" polo diálogo, polo que se dirixen a Feijóo para reclamarlle que deixe de negarse "sistematicamente" a recibilos e "se dedique a solucionar os problemas xerados pola mala xestión do seu goberno".

A suba "desproporcionada, inxusta e unilateral" do canon que cobra a empresa pública súmase ao incremento do canon da auga "en máis dun 50%", aos aumentos en impostos directos como o IBI ou aos dos indirectos, como o IVE.

"A insensibilidade e falta de proxecto global, cunha falta de folla de ruta clara do Goberno da Xunta, plásmase nunha nova suba que lles afecta directamente aos petos dos nosos veciños", protestan os rexedores, que recordan que a taxa de desemprego creceu "máis dun 70% nos últimos cinco anos". O "único" beneficio do incremento é para as contas dunha "empresa mixta, xestionada pola Xunta pero cun grande capital privado", controlado nun 49% por Gas Natural Fenosa.

"MALA XESTIÓN"

Estes alcaldes consideran que "unha vez máis" se resolven os "déficit da mala xestión dunha empresa privada" a custa da "perda de calidade de vida de todos os galegos". Así, a súa proposta apunta a distribuír o incremento do canon entre concellos, Xunta e Sogama, pois entenden que a sociedade "terá que asumir parte da súa responsabilidade" na mala xestión en vez de mirar para outro lado e cargárllelo aos galegos".

Tamén apostan por crear unha mesa de traballo que "analice novos modelos de xestión e tratamento" de residuos sólidos urbanos para substituír "un modelo caduco e pouco eficiente" que é, ademais, "caro e insostible economicamente". Así mesmo, apuntan que "non cumpre cos parámetros" que a Unión Europea marca para 2016.

"Facemos un chamamento ao presidente da Xunta para que utilice os principios básicos que teñen que rexer as relacións entre as diferentes administracións públicas: a cooperación e a coordinación", inciden.

Te puede interesar