Candidato do BNG á Presidencia da Xunta

Anxo Quintana: ‘A forza que bloqueou o Estatuto, o Partido Popular, debe sufrir unha derrota electoral’

Quintana asegura que ‘a xente sabe que o BNG foio o motor do cambio’. (Foto: V. Landín)
Anxo Quintana afronta a recta final da campaña convencido de que van subir e apelando á forza do pobo para conseguilo. Nun ton tranquilo, resta importancia ás enquisas, que non amosan variacións nas tendencias.
Pasamos xa o ecuador da campaña electoral. Qué sensacións ten, como o está a vivir?

Sensacións moi positivas. Noto unha enorme corrente de simpatía ao BNG. Penso que a xente maioritariamente quere que haxa un Goberno preocupado por eles e un Goberno galego que faga que Galiza sexa respectada en Madrid, e sabe que iso último quen o pode conseguir é o BNG.

As enquisas falan dun empate case técnico. Estes catro anos de goberno, despois de 16 anos de goberno do PP e de Manuel Fraga, non parece que lle estean a dar pulo a esta alternativa e mobilice ao electorado. As tres forzas manteñen o seu mesmo espazo político.

Eu non estou de acordo con que a dereita en Galiza gobernase 16 anos, creo que gobernou toda a vida, máis de 50. Non recordo outra cousa que non fora a dereita española gobernando en Galiza. Polo tanto, nestes tres anos e medio non vencimos a un Goberno, vencimos a un réxime, e un réxime non se cambia en tres anos e medio. Pero é bon que haxa un referendo para o labor de goberno e bon que as enquisas estean a reflectir un ascenso moi importante do BNG, porque iso demostra que a xente quere máis cambio, máis transformación e sabe o BNG foi o motor do cambio e por iso a xente quere darlle o seu apoio ao BNG, para que sigamos avanzando.

¿Cántos deputados esperan acadar?

Nós non pomos límites ao noso ascenso, pero estou convencido de que vamos ascender, aínda que depende de que todos nos esmeremos nelo e de que traballemos ata o día 1 porque nada está gañado. Se non hai esa mobilización hai o risco de que sexa o Partido Popular quen gañe.

O seu liderado dentro no BNG está a espensas dos resultados nestas eleccións?

O meu liderado no BNG está ao servizo do BNG e ao servizo de Galiza.

¿Qué salientaría destes catro anos de Goberno?

Pois era a primeira vez que o BNG gobernaba en Galiza e creo que puxemos en marcha medidas transformadoras moi importantes para o país que significaron fitos históricos. Puxemos en marcha un Sistema Galego de Benestar, entendido coma nunha rede pública de atención aos maiores e á xente discapacitada. Fumos capaces de facer unha política de vivenda pensada para a xente, revitalizamos o medio rural con medidas pioneiras coma o Banco de Terras, fumos capaces de cambiar a historia enerxética deste país porque por primeira vez vaise producir enerxía eléctrica da que se van beneficiar as galegas e os galegos a través do Decreto Eólico. Fumos capaces de facer unha política cultural sen avergoñarnos dos nosos sinais de identidade, como tivera feito o Partido Popular ata entón. Son cambios transformadores que indican o camiño, pero agora queremos máis porque hai moito que facer.

¿E qué queda pendente para a vindeira lexislatura?

A nós gustaríanos que unha vez que demos o primeiro paso no ámbito enerxético poidéramos tamén estender esa política de galeguización ao conxunto do sector. Nós queremos facer un acompañamento efectivo da economía produtiva pondo en valor sectores estratéxicos que poden aínda ter capacidade de crecemento, como é o caso do sector naval. Queremos adicar unha especial atención á aplicación da nova norma da Lei de Comercio, que ten que servir para fortalecer o ámbito do comercio galego, un espazo no que os autónomos teñen un gran nicho de traballo e merecen protección e axuda. Queremos que na próxima lexislatura a posta en marcha de medidas como o Banco de Terras sirvan para revitalizar o medio rural e queremos acompañalas coa creación dun grupo lácteo galego. Temos un labor importantísimo que facer no ámbito da pesca, porque nós queremos darlle un pulo produtivo e mellorar os canles de comercialización coa marca de produto galego de calidade para a nosa pesca e para os noso marisqueo. Queremos acompañar a creación de emprego e da economía produtiva con medidas financieiras como é a creación do Instituto de Crédito Oficial de Galiza que sirva para que a banca pública cubra o espazo que non está a cubrir a banca privada.

Falando de crise económica, ¿qué lle parecen as medidas que está a aplicar o Goberno de Zapatero e cales cre que debería aplicar a Galicia?

Eu non estou de acordo con que se sigan administrando cuantiosos fondos públicos aos bancos ao mesmo tempo que os bancos néganlle o crédito ás empresas e ás familias. Creo que é necesario unha regulación pública para que eses cartos públicos acaben onde teñen que ir, ás empresas e ás familias. Por iso nós propomos o Instituto de Crédito Oficial de Galiza, que, por certo, vai na mesma liña do que están a facer os gobernos alemán ou o británico, non é ninguna novidade. Creo que debemos de pasar da política de fotos de sofá coa banca á política de regulación pública para asegurar que a economía non se pare.

Con respecto á reforma do Estatuto de autonomía de Galicia, unha asignatura pendente para vostedes, ¿qué pasou e qué vai pasar na vindeira lexislatura?

O que pasou foi que o PP bloqueou a redacción do novo Estatuto e con iso coloca a Galiza nunha situación de desventaxe. Galiza non se pode quedar atrás e na próxima lexislatura ten que ter un Estatuto de nación. Para iso é fundamental que a forza política que bloqueou o Estatuto, que foi o PP, sufra unha derrota electoral o día 1. Estou seguro de que se sofre esa derrota electoral non lle vai quedar máis remedio que cambiar a súa estratexia e iso abrirá a posibilidade de termos un Estatuto de nación.

Consideran o novo Estatuto fundamental para negociar o financiamento autonómico?

É fundamental. Primeiro, para non quedarmos atrás, para que Galiza no concerto estatal non perda o estatus con respecto a Euskadi ou Cataluña. E despois, para termos unha auténtica caixa de ferramentas para crear benestar para a cidadanía. Cantas máis competencias teñamos máis posibilidades teremos de facer políticas activas de emprego, máis capacidade vamos ter para consolidar a rede pública de servizos e máis poderemos acompañar á economía produtiva.

¿En qué situación nos atopamos, logo das negociacións do financiamento co Estado?

As cousas non están especialmente ben para Galiza. Pero se non o están é porque Galiza non ten o mesmo instrumento que outras comunidades. Cataluña está negociando bilateralmente co Estado porque aprobou un estatuto de nación que lle permite legalmente facelo. Aquí o PP bloqueou esa posibilidade e con ela negounos a posibilidade de negociar de ‘tú a tú’ co Estado un modelo de financiamento que nos conveña.

Voltemos á campaña. O PSOE está sendo moi escrupuloso ao referirse a vostedes na campaña (a entrevista foi realizada antes do mitin do domingo de Pérez Touriño). Como o interpretan?

Proba que o PSOE prefire ter de ariete ao Partido Popular e a min paréceme moi ben.

Do PP non se pode dicir o mesmo. Critican especialmente a política lingüística e as galescolas, éstas dependentes de Vicepresidencia, e din que son un ‘foco de ideoloxización’.

Nótase que Núñez Feijóo non ten nenos porque ideoloxizar a un neno de dous anos... primeiro, compre bastante imaxinación, e é unha auténtica barbaridade, como é unha barbaridade esta guerra que emprendeu contra o galego o PP. O galego foi unha lingua de inferioridade e topou coa lingua da xente dos poderosos. ¡Qué fácil é lanzarse contra o galego! Creo que é un grandísimo erro e que os galegos, maioritariamente, independentemente de que falen galego ou castelán, quérenlle ben ao galego, ao seu país, á identidade do país. Estou seguro de que iso ten que servir para que o PP reciba un castigo nestas eleccións porque non se pode atacar así ao que é un sinal de identidade. O galego é o idioma de Galicia e polo tanto é o idioma de todos, dos que falamos galego e dos que falan castelán. Tentar que haxa unha división entre os que falan galego e os que falan castelán me parece una terrible equivocación do PP.

¿Qué pasou no mitin de Oia?

Pois que houbo unha mala organización por parte dos colectivos de maiores. Tiñan un día de lecer, cunha comida e con diferentes actividades, e eu fun convidado a ese xantar para dar unhas palabras antes e, desgraciadamente, había unha inmesa maioría que sabía que eu ía ir e me recibiron amablemente, pero uns poucos non estaban informados de que eu ía estar aí e, como é lóxico, incomodáronse. Eu lamento moitísimo ter incomodado a alguén. Eu fun convidado, non era a miña intención incomodar a ninguén e espero xa que a estas alturas os organizadores se teñan disculpado diante desa xente. Pero só pasou iso. Cada un pagou a súa comida, non houbo cartos públicos. A Vicepresidencia e o BNG non organizaron nada e o Partido Popular o que prentende facer é dunha palla un palleiro. Pero non o vai conseguir.

Unha actuación polémica do seu goberno é o plan eólico. Por outra banda, o PP lles acusa de teren construído ou aumentado a administración paralela.

Co plan eólico cambiamos a historia enerxética de Galicia. A partir de agora Galiza produce enerxía eléctrica co vento pero nos beneficiamos os galegos e as galegas a través da participación pública e da xeración de emprego. Eu creo que iso é aplaudido pola maioría dos galegos, por outros non, por unha minoría que son ricos e poderosos e teñen potentes altofalantes no ámbito da comunicación para defender os seus intereses. Pero non por iso nos vamos a arrugar. Nós queriamos acabar co caciquismo e contabamos con que os caciques non nos ían aplaudir. E nós o que temos feito, para crear a rede pública de servizos sociais, é ir a un ente consorcial no que colaboran os concellos coa Xunta. E no consorcio Galego do Servizo de Igualdade e de Benestar están máis de 270 concellos, a inmensa maioría concellos do PP. O señor Feijóo que está, chamando aos seus alcaldes creadores de chiringuitos? Cada vez que nós abrimos unha galescola, ou abrimos un centro de día, o que estamos é facendo todo o que o partido do señor Feijóo non fixo en tanto tempo.

Te puede interesar