José María Díaz cesou no ano 2011 como arquiveiro logo da desaparición do Calixtino

O Arcebispado de Santiago forza a dimisión do deán

Díaz entrega o Códice ó arquiveiro da Catedral en presencia de monseñor Barrio e Rajoy, en xullo. (Foto: ÓSCAR CORRAL)
O deán da Catedral de Santiago, José María Díaz, presentou a súa dimisión deste cargo por motivos 'persoais', segundo confirmaron fontes do Arcebispado compostelano. Dende o martes, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, ten nas súas mans a carta de dimisión de José María Díaz como deán, o que implica que a Catedral abrirá agora un proceso 'lóxico' no que monseñor Barrio 'aceptará' a dimisión e se 'iniciará o proceso para elixir novo deán' por parte do Cabido Catedralicio.
O Arcebispado de Santiago quixo deixar claro que os motivos da dimisión de José María Díaz obedecen a aspectos 'persoais' e que en ningún caso se debe a unha esixencia da Conferencia Episcopal ou do propio cardeal de Madrid, monseñor Rouco Varela.

José María Díaz ocupa o cargo de deán da Catedral de Santiago dende o ano 2006. De feito, en 2010 foi confirmado no cargo mediante votación, polo que o seu mandato non expiraba ata 2014. En outubro de 2011, José María Díaz renunciou ao cargo de cóengo arquiveiro, que ocupaba dende había 36 anos, a raíz do roubo, en xullo dese mesmo ano, do Códice Calixtino do Arquivo da Catedral.

Naquel momento, Díaz, que se mostrou consternado, xa expresou o seu desexo de renunciar tamén ao cargo de deán, algo que foi rexeitado polo arcebispo de Santiago. 'Eu son o arquiveiro que foi e que verdadeiramente pereceu na queima', sentenciou José María Díaz pouco despois de aparecer o Códice -un ano despois- para expresar o seu calvario tras o roubo.

A dimisión de José María Díaz do segundo dos cargos que ocupaba na Catedral prodúcese ademais á espera de que se inicie o xuízo contra José Manuel Fernández Castiñeiras, o home acusado de subtraer o Códice Calixtino da Catedral de Santiago en xullo de 2011, cando José María Díaz era tanto arquiveiro como deán da basílica compostelana.

Te puede interesar