Axudas para emigrantes galegos con dificultades

A Secretaría Xeral de Emigración incrementou o número de axudas individuais a galegos residentes no exterior con respecto aos anos anteriores á crise.
Así, en 2010, a Xunta concedeu 7.028 prestacións a emigrantes en situación de dificultade, fronte ás 5.046 outorgadas en 2007 e as 6.249 de 2008. Segundo explicou a Xunta, este incremento está relacionado cun aumento do número de solicitudes rexistrado como consecuencia das situacións de dificultade que atravesa a 'maior parte' dos países iberoamericanos. A este respecto, o Executivo destacou a situación dos galegos de Cuba, no que se presentaron o 80 por cento das solicitudes deste programa.

As partidas destinadas polo Goberno autonómico para este fin nas últimas convocatorias oscilaron entre o mantemento e os leves incrementos, a pesar das restricións impostas pola crise. En concreto, a Administración galega destinou 2.350.000 euros a estas axudas en 2010. As axudas económicas individuais directas de carácter social están dirixidas aos emigrantes de orixe galega residentes no estranxeiro que se atopen en situación de precariedade económica.

Te puede interesar