BNG rexeita que Concello asuma a ilegalidade do edificio Conde de Fenosa

O grupo municipal do BNG na Coruña asegurou hoxe que 'non debería ser nin o Concello nin a cidadanía os que teñan que asumir as consecuencias económicas da ilegalidade' que ameaza con derrubar, en cumprimento dunha sentenza xudicial, o emblemático edifico Conde de Fenosa da cidade, en que habitan cen familias.
O BNG sinalou, ademais, que hai 'outros argumentos' legais para 'salvagardar' os intereses públicos que non foron esgrimidos aínda polo Concello nos seus recursos contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

'A estratexia común do PSOE e do PP debería contemplar tamén como argumento legal a imposibilidade material de executar a sentenza', sinalou o BNG nun comunicado.

Así mesmo, os nacionalistas consideran un 'despropósito' que o PP e o PSdeG 'asuman de principio a existencia de responsabilidade económica municipal, eximindo dela a promotora, Fadesa, cando esta entidade foi a gran beneficiada da licenza ilegal'.

Do mesmo xeito, o concelleiro do PP Julio Flores destacou hoxe que se estudaron varias alternativas e que será mañá cando os servizos xurídicos do Concello faciliten os resultados para que poidan se estudadas en profundidade.

'É evidente que a partir da semana que vén o novo equipo de goberno do PP terá que pór unha solución a un problema herdado que leva demasiados anos sen resolver', apuntou.

O conflito para legalizar o edificio, un dos máis grandes do centro da cidade, iniciouse hai case 13 anos, cando o Concello, encabezado por Francisco Vázquez, concedeu á Fadesa unha licenza que permitía unha rehabilitación integral e a mudanza de uso de oficina a vivenda, malia que o plan de urbanismo vixente só permitía obras de mantemento na antiga sede da Unión Fenosa na Coruña.

O pasado mes de febreiro o Tribunal Supremo xa desestiou os recursos invocados polo Concello da Coruña e pola empresa construtora Fadesa para deixar sen efecto a sentenza que anulaba a licenza do inmoble e que obrigaba á súa demolición.

Con este novo auto, o alto tribunal galego volveu esixir a demolición do edificio e advertiu de que, en caso de non cumprir a referida execución, podería existir responsabilidade penal.

Mentres tanto, representantes do goberno saínte e do futuro executivo local volverán reunirse mañá para tratar as alternativas existentes.

'É unha situación na que entendemos a gran preocupación dos veciños do edificio e á que hai que buscar unha saída para que as arcas municipais e os coruñeses non paguen os pratos rotos de decisións urbanísticas erróneas', sinalou Flores, quen subliñou que se están a estudar varias alternativas e que será mañá cando os servizos xurídicos do Concello as faciliten.

'É evidente que a partir da semana que vén o Goberno Municipal do PP terá que pór unha solución a un problema herdado que leva demasiados anos sen resolver', concluíu.

Te puede interesar