Castelao, 'figura clave na configuración de Galicia'

López, Casares Long e Valle, na homenaxe. (Foto: VICENTE PERNÍA)
O labor político e literario do pensador Daniel Castelao foi definido onte como decisivo na configuración de Galicia polo director xeral de Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta, Francisco López, nunha homenaxe conxunta coa Universidade de Santiago (USC) ao galeguista. No acto de conmemoración do 125 aniversario do seu nacemento, celebrado precisamente na Sala Castelao da Facultade de Medicina, analizáronse as achegas que o fundador do Partido Galeguista fixo nos campos da arte, a literatura e a política, a través dunha conferencia impartida polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
O reitor da USC, Casares Long, aludiu á débeda 'incalculable' que a cultura e a sociedade galega contraeron coa figura de Castelao, xa que a súa obra e pensamento cívico, político social e cultural 'explican a Galicia de hoxe'. Pola súa banda, López recoñeceu que as achegas do Castelao artista plástico, escritor, pensador e político aínda seguen deixando 'pegada' na sociedade galega, coma unha das grandes figuras do galeguismo.

Te puede interesar