O Concello de Santiago impulsará varias obras coa axuda de 750.000 euros dun plan da Deputación da Coruña

A responsable da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible do Concello de Santiago, María Pardo, presentou este martes os proxectos nos que se inverterá a subvención de 750.000 euros do plan DCT 93, un programa de axudas posto en marcha pola Deputación da Coruña.
 

A inversión destes catro plans, que se aprobarán no pleno do próximo mes de xullo, é "aproximadamente" dun millón de euros, segundo explicou Pardo, xa que tres deles son proxectos principais e un deles se formula para as baixas.

A primeira destas obras consistirá na repavimentación da Avenida de Vilagarcía, traballo para o que se destinarán 496.733,51 euros e para o que se prevé un prazo de execución de oito meses. María Pardo declarou que este é un dos plans con máis importancia, debido á rotura constante do pavimento, polo que se realizará "un lavado de cara innovador" da rúa.

O segundo proxecto será o da reurbanización do Camiño da Raxeira (Fontiñas), na que se inverterá 199.523,71 euros durante dous meses de execución. Con respecto a esta obra, a responsable da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible criticou que "debería estar xa executada" e que por iso "este equipo de goberno o fará".

CAÑOTEIRA E AVIEIRA

Outro dos plans é o da mellora da seguridade vial na rúa de Cañoteira, coa creación de beirarrúas conectados por pasos de peóns. Este proxecto será o das baixas, e serían necesarios para a súa realización 192.534,69 euros para un mes de execución da obra.

Por último, cun prazo de execución de tres semanas e un presuposto de 54.844,95 euros, atópase o reforzo de firme na vía pública de Avieira, nas parroquias de Cesar e Enfesta, xa que a pista se atopa en mal estado debido ao uso e ás inclemencias do tempo.

Estes proxectos, que María Pardo calculou que "empezarían en outono" teñen, no caso da obra civil, unha vida útil de 25 anos, e no caso das instalacións de servizo, un prazo estimado de entre 10 e 15 anos de amortización.

Con respecto á previsión de gastos, os cinco primeiro anos non se prevé a realización de ningún tipo de pagamento de mantemento, e durante o resto da súa vida útil, prevese un gasto de entre o 1 e o 2 por cento do Presuposto de Execución Material (PEM).

Te puede interesar